A ministra de Industria "confía" en atopar un comprador para Alcoa porque a empresa vai dar "facilidades"

A ministra de Industria, Reyes Maroto, en entrevista na Cadea Ser
CADENA SER
Publicado 10/02/2019 17:25:24CET

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Feb. (EUROPA PRESS) -

   A ministra de Industria, Reyes Maroto, "confía" en atopar pronto un comprador para Alcoa, que garanta "non só a viabilidade a curto prazo senón tamén o futuro dunha planta" que considera que "pode ser rendible nun mercado como o do aluminio primario", no que "hai unha gran demanda".

   Reyes Maroto puxo como exemplo o caso de Vestas, para a que se atopou un "bo investidor, de capital español" e avanzou que se analizarán "en profundidade" as ofertas dispoñibles, segundo manifestou en entrevista na Cadena Ser recollida por Europa Press.

   Aínda que Alcoa "sempre foi moi remisa" a vender a planta, agora "púxose por escrito o acordo no que a empresa se compromete a dar facilidades para vender".

   "Eu pedinlle responsabilidade á empresa porque Alcoa ten que ser parte da solución", remarcou.

   Ante as ofertas existentes e a postura da empresa valora que o momento actual, "a día de hoxe, é moito mellor que ao principio".

   Maroto asegurou que a súa reunión cos traballadores foi "moi frutífera" e permitiulle transmitirlles o "compromiso" que o Goberno "sempre tivo".

   Defendeu ademais as últimas xestións do Goberno, coa creación da comisión de seguimento esta semana, que permite "dar ese marco de actuación no que as administracións, neste caso, Goberno e Xunta, os traballadores e Alcoa" propicien "as solucións definitivas a esta crise.

   E xunto a isto, lembrou novos "instrumentos" desenvolvidos polo Goberno, como o Estatuto da Industria Electrointensiva ou a "mellora" do contrato de substitución, que "van axudar a conseguir ese investimento".

ERTE EN FERROATLÁNTICA

   Á preocupación pola situación da planta de Alcoa da Coruña sumouse nas últimas semanas a de Ferroatlántica na Costa da Morte --nas factorías de Cee-Dumbría-- ante o anuncio dun ERTE durante dous anos.

    Ante esto, Reyes Maroto puxo en valor o "éxito" do Plan Reindus que pretende "garantir o futuro da industria, que sexa un elemento tractor da economía galega e española" ao que se acompañará cunha folla de ruta que se presentará "moi pronto" no Consello de Ministros.

    "Vainos dar fortalezas para que as empresas poidan atopar esa competitividade que nos últimos anos perderon, froito tamén da ausencia de política industrial e dun Ministerio de Industria que se ha visto que era necesario recuperar e este goberno fíxoo", asegurou.

MINISTERIO CON "MIRADA TERRITORIAL"

   E sobre o futuro industrial de Galicia argumentou que o seu Ministerio ten "unha mirada territorial". Conforme a isto, está "a elaborarse" un mapa "para detectar as debilidades e fortalezas dos territorios, tamén nas áreas industriais" para favorecer a toma de decisións.

   Aínda así, non ve "tan clara a especificación de medidas concretas" para a comunidade, pero conclúe que "se fose necesario", serían adoptadas polo Ministerio.

   Reivindicou, ademais, "sectores crave" e de "vangarda" cos que conta a industria en Galicia, como "a metalurgia, o automóbil ou o naval", que permiten que sexa "moi competitiva nos mercados globais".

INDUSTRIA NAVAL

   Sobre a futura construción en Ferrol do cinco fragatas F-110, valorou que o contrato "está xa en marcha e non hai ningunha dúbida de que se vai a desenvolver".

   Reyes Maroto precisou que nunha industria "líder en tecnoloxía mundial" cun "horizonte a medio e longo prazo" barállanse "medidas de acompañamento en coordinación co sector para que o naval de Ferrolterra manteña "o liderado".

   A ministra cre que a "competencia" a nivel global existe non só no naval senón "en todos os sectores económicos", "tamén en comercio e turismo", polo que o compromiso do seu departamento vira ao redor de "reforzar os instrumentos para que os mecanismos do Ministerio poidan competir a nivel global".

   "Creo que imos na boa liña, unha axenda industrial ambiciosa porque non somos compracentes e non podemos permitirnos facelo mal", subliñou.

O GOBERNO, "IMPLICADO" CO XACOBEO

   Ante a celebración do Xacobeo 2021, Reyes Maroto asegurou que "o Goberno xa está implicado", mostrándose "optimista" de que se chegue a "superar a marca" do anterior Ano Santo.

   Para iso, o Ministerio de Cultura forma parte da comisión do Xacobeo e o seu departamento, o de Industria, seguirá traballando "de forma moi estreita" coa Xunta, sobre todo na promoción, a través de Turespaña.

   Como exemplo, lembrou o apoio en Londres á presentación da Ruta do Inglés e a próxima cita de Berlín, "porque son moitos os turistas internacionais".

   As medidas concretas están "a definirse" aínda no marco de colaboración, pero destacou a "transversalidade" do turismo e como o Xacobeo traza as súas rutas por distintos territorios.

   "Na conferencia sectorial vimos a riqueza que ten para poder beneficiar a outras comunidades autónomas na definición de rutas que se poidan sumar á súa oferta", concluíu.

Contador