A ministra de Sanidade pide o voto para parar "a ameaza para a democracia" que supoñen "as tres dereitas"

A ministra de sanidade en funcións nun acto de campaña en Vigo.
PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Publicado: viernes, 8 noviembre 2019 19:54

VIGO, 8 Nov. (EUROPA PRESS) -

A ministra de Sanidade, Consumo e Benestar Social en funcións, María Luisa Carcedo, visitou este venres Vigo, onde pediu o voto para o Partido Socialista nas eleccións xerais do próximo domingo para parar "a ameaza para a democracia" que supoñen, ao seu xuízo, as tres dereitas (PP, Ciudadanos e Vox).

Así o asegurou nun mitin levado a cabo na zona vella da cidade olívica, no cal estivo acompañada, entre outros, polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Para Carcedo, a dereita no canto de "arrinconar" á extrema dereita, "blanqueouna" e deixou que Vox inflúa nas decisións das institucións, polo que apostou por defender a democracia "con uñas e dentes".

"Nestas eleccións hai dúas circunstancias moi especiais. Unha, que temos un avance da extrema dereita tremendo. E dous, non teñamos ningunha dúbida de que se as tres dereitas suman, van conformar o Goberno de España. E isto supón unha ameaza moi grande á nosa democracia", lamentou a ministra diante de case un centenar de simpatizantes.

"BOMBA ATÓMICA"

Na mesma liña falou o secretario xeral do PSdeG, quen criticou que a extrema dereita "sen ningún complexo" agora "quere empezar e penetrar nas institucións políticas".

Por todo iso, indicou que o "voto útil" é o do PSOE, para que así "Galicia e España avancen", xa que sería unha "bomba atómica" para as liberdades políticas e sociais que se dese unha vitoria dos tres partidos de dereitas.

Neste aspecto tamén incidiu o seu tío e alcalde de Vigo Abel Caballero, quen insistiu na importancia de ir votar este domingo para "castigar" ao PP, "polo mal que o fixo na provincia de Pontevedra.