Nadia Calviño espera que o PP actúe con "responsabilidade e sentido común" e apoie o decreto enerxético

A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, nunha rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, no Palacio da Moncloa, a 26 de xullo de 2022, en Madrid.
Eduardo Parra - Europa Press
Publicado: domingo, 14 agosto 2022 20:03

   BETANZOS (A CORUÑA), 14 Ago. (EUROPA PRESS) -

   A vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Economía, Nadia Calviño, asegurou este domingo que espera que o Partido Popular actúe con "responsabilidade e sentido común" e apoie o decreto enerxético.

   A preguntas dos medios antes de dar o pregón das festas patronais da localidade coruñesa de Betanzos, Calviño insistiu en que é momento de "arrimar o ombreiro" e "ser solidarios" co resto dos países europeos que "poden ter unha maior vulnerabilidade" coa guerra de Ucraína.

   Neste sentido, valorou que espera que "todos os grupos políticos" apoien unhas medidas que, na súa opinión, "son as que España necesita nestes momentos" e que, ademais, "son de sentido común". "Aforro enerxético, diversificación das fontes de xeración de electricidade e impulso das enerxías renovables. Estas son o tres liñas que acordamos cos nosos socioes europeos", manifestou a vicepresidenta.

   Por iso, subliñou que espera que o PP actúe con esa "responsabilidade e sentido común" e "apoie a acción do Goberno", sobre todo, destacou, "porque é solidaria coas indicacións que recibimos da Unión Europea e cos socios europeos".

   Este é o segundo pregón que realiza a vicepresidenta en Galicia en cuestión de días, xa que o venres foi a encargada de dar o discurso do Día de Galicia na cidade de Vigo.