Noriega confía en que os próximos fallos sobre as estatuas "non se instalen nun franquismo sen Franco"

Publicado: lunes, 11 febrero 2019 12:29

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Feb. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asegurou este luns que a sentenza que dá a razón á familia Franco en relación á propiedade das estatuas da fachada do Pórtico da Gloria "se extralimita" e é "nesgada", e confiou en que os fallos das seguintes instancias "non se instalen nun franquismo sen Franco".

En declaracións aos medios tras coñecerse o pasado venres o fallo, Noriega explicou que, desde o concello, "acátase" a resolución, pero non se "comparte" e que nos próximos días presentarase recurso contra ela.

Do fallo, considerou que "dá máis argumentos en favor da familia franco que o seu propio avogado", cuestionando elementos que "nin sequera cuestionou" o seu letrado, como a identificación das pezas ou o documento oficial de compra en poder do consistorio.

En particular, Noriega afeou que a sentenza "cuestione" as achegas de expertos como Ramón Yzquierdo, "un dos maiores especialistas en materia medieval", e reiterou que o concello cre que "ten a razón" e seguirá "pelexando" neste sentido.

"Na medida que entendemos que esta é unha guerra de longo percorrido e que isto só foi unha batalla, tócanos recorrer coa vontade de que a xustiza poida facer xustiza", dixo o rexedor, que lembrou que desde o ámbito municipal xa se daba por feito que este asunto chegaría até o Supremo.

Para Noriega, tras este fallo hai o "transfondo" de que poida marcar un precedente de reivindicación de patrimonio por parte dunha administración á familia Franco, algo que "posiblemente condicione aos maxistrados". "Pero cremos que temos a razón", sentenciou.