Publicado 13/01/2021 13:24CET

Normalidade no proceso de vacinación de persoal do sector sanitario en Galicia

Profesional sanitario vacinado contra a Covid-19
ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO

Profesionais vacinados piden "conciencia social" e "prudencia" para reducir os casos

A CORUÑA, 13 Ene. (EUROPA PRESS) -

A normalidade está a caracterizar o proceso de vacinación de persoal do sector sanitario en Galicia, após confirmarse que este mércores empezaría a vacinarse aos profesionais en centros sanitarios galegos con maior risco de exposición á Covid-19.

Así o destacaron desde as distintas áreas sanitarias. No caso da da Coruña, están citados 1.000 sanitarios, entre os que vacinou, á primeira hora, persoal do Servizo de Urxencias, de Pneumoloxía ou médicos de Atención Primaria como Belén Iglesias, do centro da Casa do Mar, quen destacou a importancia de vacinarse.

"Estamos nun día histórico", sentenciou, apelando, ademais, á "conciencia social" e á "prudencia" para tratar de evitar contaxiar a outros. "Estamos ante un tsunami", expuxo tamén ante o aumento de casos. Por iso, insistiu en non caer en condutas que poidan pór en risco ás persoas, sexa a elas mesmas ou outras.

"TOTAL ACEPTACIÓN" DA VACINA

Noutras áreas, a vacinación empezará esta tarde, como o caso de Ferrol, onde se comezará cuns 130 sanitarios. En Lugo, tamén desde a área sanitaria remarcaron a ausencia de incidencias e a "total aceptación" á vacina. Serán, dixeron, unhas 600 as persoas que a reciban na provincia. "Acábase esta semana para completar os 2.800 profesionais de primeira liña que hai", apostilaron.

No caso de Vigo, son 1.291 traballadores de todas as categorías profesionais, sanitarios e non sanitarios, dos que 721 traballan no ámbito hospitalario e 570 en Atención Primaria. Para iso, a dirección conformou 13 equipos de enfermaría, con dous profesionais cada un. Nesta primeira fase, e até o vindeiro luns, vacinarase a un total de 4.000 traballadores desta área sanitaria.

Sobre a situación en Ourense, a coordinadora da campaña de vacinación e subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria, Josefa Fernández, destaca tamén a "ausencia de incidencias" nunha campaña na que se prevé vacinar a todo os profesionais sanitarios de Atención Primaria "que se consideran como primeira liña para Covid neste tres días". Por outra banda, destaca a participación "masiva" das persoas citadas a vacinar.

OUTRAS ÁREAS

No que se refire á área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, o primeiro profesional vacinado foi un enfermeiro da Unidade de Críticos. O coordinador da vacinación nesta área, Juan Alberto Vázquez, explicou que esta campaña está pensada para desenvolver entre este mércores e sábado. No entanto, dixo que esperan poder tela terminada o venres.

En canto á área sanitaria de Santiago, informaron que a primeira fase de vacinación desenvolverase desde este mércores e até o venres, coa citación de 3.000 profesionais. "Citarase a todos os profesionais de Atención Primaria e aos traballadores hospitalarios que están en primeira liña de atención a pacientes no Hospital Clínico e no de Barbanza", cunha vacinación a cargo de 10 equipos. Na xornada deste mércores, vacinarase a máis de 1.200 profesionais.

Contador