A obra de Cándido Pazó sobre Pondal levará á programación de 'Falaredes' a neurose dos últimos anos do autor

Presentación de 'Fillos do Sol' en Falaredes
XUNTA
Publicado: viernes, 15 noviembre 2019 14:24

A peza está inspirada na obsesión do escritor polo seu proxecto 'Os Eoas', que lle ocupou toda a súa vida

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Nov. (EUROPA PRESS) -

A controvertida vida de Eduardo Pondal chegará á programación de 'Falaredes' a través da obra 'Fillos do Sol' de Cándido Pazó, unha peza na que se retrata a neurose e o conflito interno do intelectual galego nos últimos anos da súa vida e a súa obsesión polo proxecto 'Os Eoas', no que estivo implicado durante décadas.

O elenco da obra, con Pazó na dirección, complétase con César Cambeiro e Adrián Ríos, que darán vida a un Pondal envellecido e ao seu eu máis xuvenil, e Alba Bermúdez, no papel dunha criada que acompañaba e coidaba del.

Precisamente, o personaxe Bermúdez sitúase como o contrapunto central da obra á actitude controvertida do escritor, coñecido pola súa misoxinia e as súas opinións machistas sobre o papel da muller da sociedade, propias da época.

Ela levará ao escritor a confrontar a súa visión coa realidade e os novos tempos que están por chegar, actuando como un elemento reivindicativo da figura feminina.

En rolda de prensa, Pazó insistiu en que o elemento misóxino da figura de Pondal non se podía "deixar de lado", posto que o obxectivo non é "branquear a súa imaxe" para enxalzar uns postulados anacrónicos na sociedade actual.

"Pondal ten poemas terribles", lembrou, entre eles algúns nos que "se enxalza" unha violación e son elementos dos que a obra "non escapa", senón que se confrontan co personaxe da 'criada' que "vai convencendo" ao escritor a través das súas dúbidas, medos e insatisfaccións.

A pesar diso, o "humor" está presente en 'Fillos do sol', que se confirmou como unha peza "fresca" e que "convence" ao público.

César Cambeiro, pola súa banda, incidiu así que a peza "humaniza a súa figura", enxalzada sempre como un do stres grandes da literatura galega (xunto a Curros e Rosalía), e mostra a un Pondal "con traxedias de persona".

Ao mesmo tempo, 'Fillos do Sol' plasma os efectos da "neurosis da creación literaria", a través da entrega durante décadas de Pondal á concepción de 'Os Eoas'. "A persecución dese imposible, da perfección, que o único que leva é á tolemia".

"DIGNIFICACIÓN DO IDIOMA"

Outro dos grandes temas da peza é o da "dignificación do idioma", que foi tamén una das grandes preocupacións de Eduardo Pondal ao longo da súa vida, na que buscou "elevala a algo máis".

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, insistiu precisamente na importancia deste elemento, conxugado co traballo do equipo da obra, para "chegar ao gran público" a través "dunha pequena parte da historia da literatura galega".

A obra chegará esta fin de semana a Foz e a Viveiro, e posteriormente a outros municipios como Cambados, Mos, Verín, Xinzo ds Limia, Santa Comba, As Neves e Salceda de Caselas.