Os casos COVID positivos detectados no brote de Betanzos elévanse a 9, tras outros 3 novos

Actualizado: jueves, 16 julio 2020 12:35

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Jul. (EUROPA PRESS) -

   Os casos positivos de COVID-19 en Betanzos (A Coruña) elévanse a nove --catro deles nunha mesma familia--, tras detectarse outros tres novos nas probas realizadas nas últimas horas.

   Así o confirmaron a Europa Press fontes sanitarias, que sinalaron que entre este mércores e xoves realizáronse 75 probas de entre as que se detectaron tres novos positivos.

   En concreto, trátase de catro casos nunha familia, aos que se suman dous sen vínculo familiar pero que tiveron relación e outro tres tamén como os dous anteriores.

   Por parte da área sanitaria da Coruña e Cee aseguraron a Europa Press que, por mor dos casos detectados en Betanzos, séguense cos rastreos e estudos de contactos de persoas relacionadas.

   Este de Betanzos supón o terceiro brote detectado en Galicia tras o rexistrado na comarca coruñesa de Barbanza --con nove casos-- e o da Mariña lucense --que superou os 200 infectados e que este mércores se situaba en 151 casos activos--.