SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 May. (EUROPA PRESS) -
Os sete activistas galegos que viaxaban na Global Sumud Flotilla, que foi interceptada por Israel no Mediterráneo a inicios desta semana, chegaron a pasada noite a Santiago de Compostela, onde foron recibido entre aplausos e consignas en apoio a Palestina.
Neste amplo recibimento, tras os primeiros reencontros e abrazos, Sandra Garrido agradeceu a mobilización cidadá da última semana e avisou: "Non nos van a parar. Vai haber outra flotilla e imos estar aí. Temos que parar ao Estado de Israel e temos que ser nós". Xunto a ela, tamén chegaron Alberte Pagán, Ana Fuentes, Andrea Morales, Benito González, Duarte Ferrín e Xurxo Porritt.
Todos eles ían en embarcacións que foron interceptadas entre o luns e o martes. Esta foi unha situación vivida polos preto de 430 activistas que continuaban na súa misión de tentar romper o bloqueo humanitario en Gaza. Unha gran masa deles denunciaron, ao regreso aos seus países, as "torturas" exercidas por Israel nos últimos días, ás que se referiu a propia Sandra Garrido.
Os máis de 40 españois que participaron nesta acción internacional partiron finalmente o sábado desde Istambul (Turquía), a onde foron deportados. En concreto, parte da delegación galega chegou, en primeiro lugar, a Bilbao, onde a Ertaintza levou a cabo cargas policiais.
"Na entrada houbo un recibimento como este. Houbo unha carga policial brutal e parecía que volviamos a Israel. Foi porque queren criminalizar á sociedade civil organizada", explicou Garrido sobre o sucedido neste mediodía. Tras esta primeira parada, continuaron o seu camiño cara a Santiago, onde chegaron preto das 22.45 horas, case media hora despois do previsto.
Aínda así, desde antes das 22.00, decenas de persoas esperaban aos membros da delegación galega na estación compostelá. Facíano con bandeiras palestinas e pancartas, con mensaxes como "Palestina libre"; algunhas delas tamén vestían kufiyas.
"500 PERSOAS SECUESTRADAS E TORTURADAS"
Garrido considera que a flotilla "conseguiu a súa misión". Ela mesma lembrou que, a finais de abril, houbo unha primeira interceptación, despois da que unha gran parte de activistas continuaron a súa travesía. Na desta semana, resultaron "máis de 500 persoas desaparecidas, secuestradas e torturadas" en dous barcos en alta mar.
"Non pasou nada e, con todo, notamos que a xente se estaba revolvendo, que volvía pasar o que pasou o ano pasado. Grazas a iso conseguimos saír e grazas a iso volveuse a falar de Palestina", explicou con emoción.
A pesar das "torturas" explicadas por diferentes activistas, Garrido incidiu en que "non é a mínima parte do que están a sufrir" as persoas palestinas que están presas: "3.000 delas sen cargos, sen saber cando van saír de aí. Nós sabiamos que tiñamos data de saída".
Con todo, o regreso do total de activistas atrasouse un día, xa que se lles someteu a probas médicas en Turquía. A organización explicou o venres que, entre os seus membros detidos, producíronse polo menos 15 agresións sexuais e decenas de feridos. En canto aos membros españois, catro deles necesitaron atención médica.