SANTIAGO DE COMPOSTELA 24 May. (EUROPA PRESS) -
O comité de empresa de Alimentos Lácteos teme que a nova situación, coa entrada da sociedade de base cooperativa en concurso de acredores, "prexudicará principalmente ás partes máis débiles", os traballadores e os produtores.
"A Xunta montou un número especial para, por desgracia, consumar o fracaso da súa xestión e tratar de endosarllo a outro dos axentes implicados", censura o sindicalista Christian López (CIG), en relación á circunstancia de que Leite Pascual se desmarcou "totalmente do proxecto", o que, para o Goberno galego, impide "continuar adiante" co plan de negocio.
Xusto despois da reunión celebrada entre os responsables da empresa, representantes das cooperativas e os conselleiros de Medio Rural e Economía; a representación dos traballadores mantivo un encontro con responsables de XesGalicia e coa directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa.
Nela, segundo explica López, o obxectivo dos técnicos e responsables da Xunta foi comunicar que se consumaba o fracaso para reflotar" a factoría de Outeiro de Rei (Lugo).
Por iso, o sindicalista critica "escaso compromiso e rigorosidade", posto que, "a estas alturas, da mesma forma que se demandaron compromisos formais ás outras partes, non é de recibo que non se tivesen as garantías formais suficientes co socio industrial".
"Os traballadores veñen denunciando fai agora xa varias semanas que a actitude de silencio e inacción da Xunta podía comprometer o futuro do socio industrial e que, neste contexto, todo parecía indicar que a Xunta abandonaba o proxecto de Alimentos Lácteos abocándolo de xeito irremediable á entrada en concurso de acredores", subliña.
Así as cousas, o equipo celebrará este mesmo venres, sobre as 20.00 horas, unha asemblea nas instalacións de Outeiro de Rei para analizar o novo escenario, co obxectivo "sempre presente" de manter a actividade e a vinculación cos actuais traballadores.