A poesía de Uxío Novoneyra, dispoñible en italiano trala publicación dunha antoloxía

Publicado: jueves, 27 febrero 2020 20:45

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Feb. (EUROPA PRESS) -

A obra poética de Uxío Novoneyra xa pode lerse en italiano grazas á publicación do volume 'Poesie della chiara certezza. Antologia 1955-1999', impulsada polo Centro de Estudos Galegos de Perugia co apoio da Xunta e a Fundación que leva o nome do autor do Courel.

O profesor Marco Paone foi responsable tanto da selección como da tradución dos textos e participou este xoves, en Santiago, na presentación da publicación xunto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o secretario da Fundación Uxío Novoneyra e fillo do autor, Uxío Novo.

Esta tradución recompila escritos dos Eidos, Poemas Caligráficos ou Tempo de Elexía, entre outras das obras máis destacadas do poeta do Courel.

"Os estudiosos e poetas que lean esta antoloxía de Uxío Novoneyra, por primeira vez na lingua de Dante, sentirán o desexo de coñecer O Courel e Galicia toda, así como o idioma en que os poemas foron escritos", incidiu García.

Así, destacou o traballo desenvolvido na rede de centros de estudos galegos "para difundir a cultura, a literatura e a lingua" da comunidade, que xa está presente en universidades de tres continentes.