Pontevedra ordena a Ence a "suspensión inmediata" das obras en Lourizán por carecer de licenza urbanística

Publicado: miércoles, 12 diciembre 2018 20:00

PONTEVEDRA, 12 Dic. (EUROPA PRESS) -

O Concello de Pontevedra ordenou a Ence, a través dun oficio do departamento de Urbanismo, a "suspensión inmediata" das obras que está a executar na fábrica de Lourizán por carecer de licenza.

Segundo recolle o auto, os técnicos do Servizo de Urbanismo estiman que estes traballos "non poden ser considerados en ningún caso obras públicas" e, por tanto, requiren da correspondente licenza urbanística. Con iso, determina que estas obras non están amparadas polo plan sectorial de incidencia supramunicipal, como considera a empresa.

Analizados os informes municipais, o concello ordena a Ence a "suspensión inmediata" das obras de construción de pérgolas para estacionamento de vehículos, así como de desmantelamento das existentes; das obras na envolvente do edificio destinado a oficinas e dos edificios adxacentes e das obras no volume dos edificios destinados a caldeiras, todas elas relativas a actuacións en materia de eficiencia enerxética e integración paisaxística e arquitectónica do complexo industrial.

A maiores, incóalle a Ence, en concepto de promotora, un expediente de reposición da legalidade urbanística en relación a estas obras, outorgándolle 15 días para que poida examinar o expediente e presentar os documentos e xustificacións que "considere pertinentes en defensa dos seus dereitos e intereses".

O prazo de resolución do expediente de reposición da legalidade urbanística, recolle o oficio, será dun ano, que se contará a partir da data do acordo de incoación.

Finalmente, o concello advirte a Ence, en calidade de promotora, que se as obras puidesen ser legalizables, por ser compatibles co ordenamento urbanístico, debe achegar a solicitude da licenza oportuna no prazo de tres meses contados desde o transcurso do período de 15 días do trámite de audiencia.

No caso de que se denegue a licenza, "acordarase a demolición das obras á conta do interesado, impedindo definitivamente os usos aos que dese lugar", finaliza.