Pontón (BNG) apela ao voto indeciso para lograr que Galicia sexa "decisiva" en Madrid

28A Ponton Apela Indecisos Voto Bng Defender Gz E Frear Dereitas
BLOQUE NACIONALISTA GALLEGO
Publicado 14/04/2019 17:20:17CET

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Abr. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou "desde a ilusión" a todas as persoas que non teñen decidido o seu voto para que aposten por lograr que Galicia sexa "decisiva" no Congreso dos deputados da man do Bloque.

   Nun mitin celebrado en Ponteareas (Pontevedra), Pontón fixo un chamamento á mobilización para sumar votos a un BNG que está "en remontada" e disputando escanos "á dereita españolista" na Coruña e Pontevedra.

   "Dígovos que imos subir, que estamos en remontada e quero dirixirme especialmente a todas esas persoas que non decidiron o seu voto, dígolles que o BNG é a opción para defender Galicia e frear a unha dereita tirada ao monte", proclamou, "porque o último escano por Pontevedra e pola Coruña estamos a disputalo cunha desas patas da dereita de Colón".

   Así, Pontón subliñou que "para ter voz en Madrid e para frear un goberno das dereitas, en Galicia a papeleta útil é a do BNG".

   O 28 de abril confirmarase a "onda de simpatía" cara ao Bloque, recalcou Pontón, e superaranse as enquisas: "Esta é a nosa oportunidade, Ana, desta vai, é o que me din cada día máis persoas que están fartas de que as forzas estatais veñan coller os votos para despois tratarnos como cidadáns de segunda. Imos ir a por todas para cambiar iso, porque é o momento de Galicia, é o momento do BNG".

   Sen maiorías absolutas, os votos dos deputados nacionalistas van determinar, comprometeu, a política do Estado a favor da xente de Galicia e puxo exemplos de "moitos muros" que se "tirarán abaixo", como o da AP-9, porque un BNG "decisivo" demostrará que "si é posible conseguir a transferencia" da Autoestrada do Atlántico, que "negaron" PP e PSOE, e "da estafa das peaxes", que é "o roubo legalizado desde o BOE".

   Tamén aludiu a que precisamente o PNV acaba de "demostrar" a importancia de ter unha forza política propia que defenda os intereses da súa cidadanía, ao conseguir para Euskadi en 24 horas a transferencia da AP-68.

   Pero Pontón puxo máis exemplos, como a AVE, o financiamento, os orzamentos do Estado ou "o espolio enerxético con miles de empregos en risco nun país que é unha potencia eléctrica".

   Para porlle fin a esta situación, animou a levar "a corrente de simpatía cara ao BNG a cuantos máis sitios mellor, saír á rúa estes días de campaña, chamar no corazón da xente, cun sorriso, con ilusión, coa man tendida para dicirlle a todas esas persoas que botaron de menos a voz nacionalista no Cognreso, que poden contar co BNG para defender o seu futuro e para frear a involución".

   Pola súa banda, a candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, incidiu na importancia das infraestruturas, en referencia ao caso da comarca de Condado-Paradanta, un dos territorios máis afectados da "estafa" da AP-9, que se suma ao "mal estado da A-52 e da A-55 así como da N-120".

   "Neste ano xa se superaron en Galicia o número de accidentes do exercicio anterior. As solucións que dá o Goberno central contra a violencia viaria non son eficaces, senón o contrario. É o momento de adoptar o modelo BNG, que xa demostrou resultados de éxito", afirmou.

   Ademais, Da Silva comprometeuse a defender no Congreso unha política forestal adecuada para poder desenvolver un aproveitamento económico diversificado, sustentable e rendible dos montes galegos.

Contador