Portos de Galicia flexibiliza o pago das taxas nos peiraos autonómicos

Publicado: lunes, 6 abril 2020 13:29

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Abr. (EUROPA PRESS) -

Portos de Galicia decidiu flexibilizar o pago das taxas nos peiraos autonómicos ante a declaración do estado de alarma polo coronavirus, co obxectivo de aliviar a situación económica dos seus usuarios.

Segundo informou a Xunta, entre as medidas adoptadas polo ente público atópase a ampliación do prazo voluntario para o pago das liquidacións de impostos xa emitidas e que vencían a partir do 18 de marzo, unhas taxas que agora poderán abonarse até o próximo 30 de abril.

Portos de Galicia tamén acordou atrasar até dous meses despois de que termine a declaración do estado de alarma a emisión de novas facturas por taxas portuarias, unha decisión que ten como obxectivo aliviar posibles tensións de tesouraría ás entidades e empresas usuarias dos portos e favorecer a existencia de liquidez para que poidan manter a súa actividade unha vez superada esta situación excepcional pola alerta sanitaria.

A maiores, os contribuíntes poderán beneficiarse dos adiamentos e fraccionamientos habituais previstos tanto na lei xeral tributaria como nos regulamentos de recadación en vigor na comunidade.

Estas medidas, que foron comunicadas este luns pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, á Federación Galega de Confrarías de Pescadores e á Asociación Galega de Depuradores de Moluscos, afectan a servizos especiais como a entrada ou estancia de barcos nos peiraos galegos, a atracada, o tráfico de mercadorías ou o tránsito de embarcacións deportivas ou de lecer. Tamén a outros servizos específicos como guindastres, almacenaxe, locais e edificios ou servizos diversos, así como as taxas portuarias polo exercicio de actividades comerciais, industriais e de servizos.