Actualizado 27/10/2008 15:07 CET

A produción científica das universidades galegas representa un 76% da comunidade e o 6,7% do Estado

As tres institucións universitarias de Galicia superan en 2002-2006 as 9.000 publicacións en revistas da elite investigadora

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Oct. (EUROPA PRESS) -

A produción científica das tres universidades galegas constitúe o 76,5 por cento de toda a comunidade e, por documentos publicados, representa o 6,7 por cento do Estado, segundo o sinala o informe 'Evolución da produción científica do Sistema Universitario de Galicia nas bases de datos ISI 2002-2006'.

Este traballo, elaborado polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, Bugalicia, resalta que a produción científica do conxunto do Sistema Universitario de Galicia (SUG) superou a cifra de 9.044 documentos publicados nas revistas de investigación máis prestixiosas do mundo no período 2002-2006.

Así, a produción científica das tres universidades galegas alcanzou a cifra total de 11.818 documentos publicados, cantidade que agrupa, ademais da produción das universidades, a do sistema sanitario, dos centros asociados ao CSIC, dos organismos públicos de investigación, da empresa privada, da Administración e doutros centros de investigación.

O informe indica, ademais, que a produción científica por documentos publicados representa o 6,7 por cento de todo o Estado, que neste período chegou a editar 175.221 documentos nas revistas das bases de datos de Thompson-ISI, instituto de información científica especializada na análise de citación ou factor de impacto de miles de revistas de todo o mundo.

USC, Á CABEZA

A Universidade de Santiago (USC) encabeza a lista por número de documentos, con 5.383 dos 9.044 publicados; seguida da Universidade de Vigo, con 2.954; e da Universidade da Coruña, con 1.380.

Deste modo, no período 2002-2006 a produción científica global das tres universidades galegas mostra unha curva ascendente ano tras ano, cun "pequeno descenso", de só nove documentos, en 2004 con respecto ao anterior.

No exercicio 2202, o conxunto de todo o Sistema Universitario de Galicia proporcionou 1.618 publicacións, que no ano 2003 xa foron 1.793, en 2004 era 1.784, e en 2005 representaba 1.850, mentres que se pechou 2006 con 1.999.

Por universidades, destacan dúas excepcións. Este é o caso da USC, cando a cifra de documentos publicados dos anos 2004 e 2005, con 1.048 e 1.070 documentos, respectivamente, foi inferior á cifra de 2003, no que se contabilizaron 1.110 publicacións.

Tamén é o caso de A Coruña, que nos anos 2004 e 2005 foron de menor produción que o exercicio 2003, aínda que as diferenzas, segundo subliña o informe, son "máis atenuadas" que no Universidade de Santiago.

Por iso, o ano máis prolífico do período de estudio foi o exercicio 2006, cando, en conxunto, as tres universidades publicaron un total de 1.999 documentos, dos cales 1.145 corresponderon á USC, 686 a Vigo e 298 á UDC.

TEMAS

Nese período de cinco anos, as áreas nas que máis se publicou no SUG foron as de Química, con 2.723 documentos; Medicina, 1.951; Bioloxía Molecular e Xenética, 2.723; Física e Ciencias do Espazo, con 1.232; e Bioloxía Vexetal e Animal, Ecoloxía, con 1.018.

Pola contra, en campos como o Dereito, con 16 documentos publicados; Historia da Arte, con 41; ou a Enxeñaría Mecánica, Naval e Aeronáutica, con 106, destacan como as materias que xeran un menor número de documentos científicos.

Por universidades, na USC os campos que maior número de documentos atraen son a Química (1.528); Medicina (1.259); Bioloxía Molecular, Celular e Xenética (825); e Física e Ciencias do Espazo (798). Na Coruña despunta Química, con 391 documentos; Ciencias da Computación e da Tecnoloxía Informática (237); de Medicina (194); de Geociencias (165); e da Bioloxía Molecular (156).

A Universidade de Vigo, pola súa banda, publica en maior cantidade documentos adscritos á área de Química, con 804; seguida de Medicina, con 498; Geociencias, con 406; Bioloxía Vexetal e Animal e Ecoloxía, con 394; e en último lugar Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, con 341 documentos.