SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Dic. (EUROPA PRESS) -
A secretaria de Medio do PSdeG, Carmen Gallego, criticou este luns o proxecto de construción dunha nova planta de residuos no Sur de Galicia e asegurou que "é a repetición do modelo fracasado de Sogama, que aposta pola incineración e o vertedoiro".
Así o manifestou o PSOE nunha nota de prensa despois de que este luns o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciase que a nova planta de tratamento de residuos da zona Sur de Galicia estará situada no concello de O Irixo (Ourense).
Gallego denunciou, ademais, a "irregularidade" que, segundo dixo, supón a adxudicación "a dedo" á empresa Estela Eólico --beneficiaria do concurso eólico-- e non a través dun concurso "no que varias empresas compitan en igualdade de condicións".
"É unha trastada adxudicar esta planta a dedo, saltándose procesos administrativos e privatizando a xestión de residuos de Galicia", destacou a deputada socialista.
Ademais, a secretaria de Medio do PSdeG lamentou que "se"cumpra o prognóstico dos socialistas galegos" de que o Goberno galego confirmaría despois das eleccións do 20 de novembro a situación da nova planta "para evitar un custo electoral". "Isto demostra a súa intención de ocultalo deliberadamente de xeito partidista", reprochou.
MODELO FRACASADO
Carmen Gallego insistiu en que esta segunda incineradora "é a repetición do modelo fracasado de Sogama" e recordou que dende os anos 90, os gobernos do PP "optaron por un modelo de xestión de residuos baseado na incineración e nos vertedoiros".
Como alternativa, a socialista aposta pola redución en orixe, a reciclaxe e a reutilización como "mellor opción" para o tratamento dos residuos. "Todas a recomendacións van por esa liña, mentres que a incineración e o vertedoiro son as dúas últimas opcións na xerarquía normativa comunitaria en materia de residuos", subliñou.
Neste sentido, Gallego comunicou que os socialistas presentarán diversas iniciativas no Parlamento autonómico e nos concellos da bisbarra "para trasladar á cidadanía a realidade dos que supón esta planta de residuos disfrazada de postos de traballo".
Así, a deputada do PSdeG recordou que esta incineradora "recibirá todos os residuos do Sur de Galicia, que serán queimados e almacenado nos vertedoiros do concello de Irixo, co conseguinte impacto ambiental na zona".