Actualizado 16/03/2011 14:28 CET

Queremos Galego "porá voz" á defensa do idioma "nun grande acto nacional" o próximo 30 de abril en Santiago

Logo de Queremos Galego
QUEREMOS GALEGO

Celebrarán concentracións en municipios o Día das Letras Galegas para denunciar os "dous anos nefastos" de medidas contra o galego

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Mar. (EUROPA PRESS) -

A plataforma cívica Queremos Galego "porá voz" á defensa do idioma propio de Galicia o próximo 30 de abril "no marco dun grande acto nacional", que se celebrará previsiblemente no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.

En concreto, será un acto que contará con intervencións de figuras pertencentes aos diferentes ámbitos da sociedade e cultura galega e no que se pretende impulsar un manifesto "de reivindicación" e en defensa do galego, sobre todo, tras "dous anos nefastos" en materia lingüística co goberno do PPdeG na Xunta.

Este evento verase acompañado, o próximo 17 de maio e con motivo do Día das Letras Galegas, de diferentes concentracións de protesta cidadá ás 12.00 horas para dar lectura ao documento que sairá adiante nesa reunión en Compostela e sobre os que, polo momento, falta concretar a súa "extensión".

En rolda de prensa e ao coincidir "días antes das eleccións municipais", o voceiro da plataforma, Carlos Callón, pediu aos votantes do Partido Popular desconformes coa súa actuación respecto ao idioma "que saian do armario", pois "non "poden apoiar" a esta formación "se de verdade defenden" a cultura galega.

Callón lamentou, en pleno ecuador da lexislatura presidida por Alberto Núñez Feijóo, "é moito máis difícil vivir en galego que hai dous anos", ante a "falta de compromiso" no ámbito educativo, o peche de medios de comunicación no idioma propia e o "escándalo" da imposibilidade de acceder ao galego nas aplicacións informáticas da administración de Xustiza.

"Non ten comparación con outras Comunidades Autónomas con lingua propia", constatou o tamén presidente de A Mesa pola Normalización Lingüística, tras recordar que a lexislación insta á Xunta a ser a "principal defensora" do galego.

"CAMUFLAXE" PLURILINGÜE

Por outro lado, a plataforma Queremos Galego enmarcou o Plan de Potenciación de Linguas Estranxeiras, impulsado pola Consellería de Educación, nunha campaña "de pura propaganda" e "camuflaxe" para asestar unha "navallada" á cultura galega.

Ao respecto, Callón sinalou que, mentres as competencias en inglés "non mellora en absoluto" nin "en materiais" dispoñibles, un 20 por cento do alumnado "non ten competencias comunicativas con fluidez" en galego e sen adoptarse "ningunha medida para corrixilo".

Nesta liña, o secretario nacional da CIG-Ensino e voceiro da plataforma, Anxo Louzao, considerou que este Plan se sustenta en tres piares encamiñados a que o galego "teña a menor presenza posible como lingua vehicular".

Louzao apuntou, en concreto, á ausencia de recursos en galego na implantación do Plan Abalar e que supuxo que se impartan "en castelán" materias que deberían darse en galego, a Lei de Convivencia que posibilitará a consulta aos pais sobre a lingua das materias --eliminada no seu día do decreto do plurilingüismo por falta de cobertura legal advertida polo conselo Consultivo-- e, en definitiva, toda premisa que "xira arredor do plurilingüismo" impulsada polo Executivo galego.

"Non hai ningunha medida que se poida considerar positiva", criticou o sindicalista da CIG, quen avoga por dotar de "profesorado" e "medios" aos centros para traballar na mellora da competencia lingüística do alumnado.