Publicado 14/08/2020 17:34:38 +02:00CET

A rodaxe da comedia galega 'Cuñados' comeza o vindeiro luns en Ourense

Presentación da rodaxe da longametraxe galega 'Cuñados'
ALBERTE PAZ GARZA

   OURENSE, 14 Ago. (EUROPA PRESS) -

   A comedia galega 'Cuñados', que está previsto que chegue aos cinemas nos primeiros meses de 2021, comezará a rodarse o vindeiro luns, 17 de agosto, en Ourense.

   Na presentación do inicio da gravación reuníronse este venres na cidade o director, Toño López; o produtor executivo, Alfonso Blanco; o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Manuel Baltar; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e os protagonistas, que son Xosé Antonio Touriñán, Eva Fernández, Miguel de Lira, Federico Pérez, Iolanda Muíños e María Vázquez.

   Trátase da primeira longametraxe de ficción da produtora galega Portocabo, unha "comedia costumista e familiar" que "xirará ao redor das peripecias criminais de tres cuñados unidos polo azar que deciden embarcarse nun plan disparatado", de acordo coa produtora. "'Cuñados' será a gran comedia galega", afirmou Alfonso Blanco.

   Con este proxecto Toño López pasa ás longametraxes após dirixir series de ficción internacionais como 'Miracle Tunes' e 'Augaseca'. O director destacou o equipo e o guión --a cargo de Araceli Gonda-- "estupendos" cos que conta a película.

   O responsable da música é Santi Jul, mentres que da dirección de produción encargarase Ana Míguez; da dirección de fotografía, Jaime Pérez; da montaxe, Lu Rodríguez; da dirección artística, Andrea Pozo; e do vestiario, Saturna.

   A rodaxe será na cidade de Ourense e noutros puntos da provincia, explicou o produtor, que sinalou que "é imposible separar a contorna na que se desenvolve da película" e que o territorio é "sempre" algo "moi importante" nos traballos de Portocabo.

   Na súa intervención na presentación, o presidente da Deputación manifestou que Ourense "foi o berce do cinema galego e continúa séndoo tamén hoxe en día", con proxectos como este, que se desenvolve en momentos "difíciles".

   Pola súa banda, o responsable da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) felicitou á produtora por "manter a súa aposta polos profesionais galegos" tanto a nivel artístico como técnico. A Xunta cofinancia a película cunha achega de case 260.000 euros. Este é un dos 13 proxectos subvencionados na convocatoria de axudas a producións e coproducións audiovisuais de 2018.

   'Cuñados' é unha das películas seleccionadas na segunda mesa de valoración de cinema de RTVE para este ano e conta tamén coa participación da TVG e a colaboración da Deputación ourensá e de Filmax. Apoian, así mesmo, o proxecto empresas entre as que están Grupo Cuevas, Hotel Balneario Laias Caldaria, Adegas A Vilerma, Expourense, Portovello e o Club Ourense Baloncesto.

   Portocabo elixira xa Ourense para os seus proxectos con 'Vidago Palace', unha serie que se pode ver en HBO España e Portugal. A produtora indicou que continúa estas semanas coa gravación da segunda temporada de 'Hierro' en Canarias e avanza en varios proxectos que están en fase de desenvolvemento.

Lo más leído

  1. 1

    Fallece 'Quino', el creador de Mafalda

  2. 2

    Illa propondrá este miércoles al CISNS limitar la movilidad en territorios con 500 casos Covid-19 por 100.000 habitantes

  3. 3

    El BOE publica la prórroga de los ERTE y de las ayudas para autónomos hasta el 31 de enero de 2021

  4. 4

    Las empresas en ERTE deberán realizar una nueva solicitud colectiva de prestaciones antes del 20 de octubre

  5. 5

    El Gobierno obliga a la Comunidad de Madrid a restringir la movilidad en la capital con una orden en el BOE