Rodil (BNG), sobre o novo Goberno: "É máis do mesmo e a única novidade busca resolver as leas internas do PP"

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, en rolda de prensa.
EUROPA PRESS
Publicado: lunes, 16 mayo 2022 13:13

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 May. (EUROPA PRESS) -

   O BNG insiste en que o novo Goberno nomeado polo presidente Alfonso Rueda que tomou posesión este luns é "máis do mesmo" e critica que "a única novidade" -- a entrada de Diego Calvo como vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes -- "o único que busca é resolver as leas internas do PP e non os problemas dos galegos".

   A viceportavoz dos nacionalistas, Olalla Rodil, manifestou este luns en rolda de prensa que as esixencias do BNG ao novo presidente da Xunta pasan porque "despois de tres meses de parálise, nos que estiveron centrados en resolver leas internas", "traballen desde o primeiro día".

   Neste sentido, lembrou a axenda de asuntos prioritarios que xa anunciara este domingo a portavoz, Ana Pontón: medidas para rescatar aos sectores económicos máis afectados polo auxe dos prezos, rescatar os servizos públicos, ir a un novo modelo de residencias "que poña no centro os dereitos dos galegos" e "parar o 'boom eólico' depredador que ameaza ás persoas que traballan no rural".

   Así mesmo, recalcou que xa lle transmitiron a Alfonso Rueda estas peticións por vía ordinaria, a través do Parlamento, para que o novo Executivo se poña a traballar "xa" porque considera que "levan demasiado tempo mirando o embigo do PP e non os problemas dos galegos".