O saldo vexetativo seguiu afundíndose en Galicia en 2019

Unha muller pasea co seu bebé en Santiago de Compostela
EUROPA PRESS - Archivo
Publicado: viernes, 24 enero 2020 15:07

   Os nacementos no segundo trimestre do ano pasado foron 3.841, case un 10% menos que no mesmo período do ano anterior

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Ene. (EUROPA PRESS) -

   O saldo vexetativo en Galicia seguiu afundíndose en 2019 despois de pechar a comunidade o exercicio anterior con 15.839 defuncións máis que nacementos. Hai máis de 30 anos que Galicia non presenta un saldo vexetativo positivo.

   O Instituto Galego de Estatística (IGE) publica este venres un resumo de resultados que incorpora o balance de 2018 (cuxos datos xa se adiantaron) e tamén presenta un avance das cifras do segunto trimestre de 2019, que inciden no afundimento do saldo vexetativo.

   E é que, segundo os datos correspondentes ao segundo trimestre do pasado exercicio, en Galicia houbo 3.571 defuncións máis que nacementos. En concreto, as defuncións neste período foron 7.412 (un 4,13% menos que o ano anterior), pero a baixada interanual dos nacementos foi bastante máis acusada.

   De feito, as cifras do IGE reflicten unha caída interanual do 9,64% no segundo trimestre de 2019, cando o número de nacementos na comunidade foi de 3.841.

   No segundo trimestre de 2019 houbo 2.354 matrimonios (un 16,36% máis que no mesmo período do ano anterior), dos que 36 foron entre persoas do mesmo sexo.

BALANCE 2018

   O balance de 2018 ratifica que só sete dos 313 concellos de Galicia presentaban neste exercicio un saldo vexetativo positivo. Xa en xullo do pasado ano concretouse que este sete municipios eran Ames, Oroso e Arteixo --na Coruña--; Barbadás (Ourense); e Poio, O Porriño e Salceda de Caselas, en Pontevedra.

   No que respecta aos concellos do sete grandes cidades galegas, todos eles presentan un saldo negativo.

   O número de defuncións en Galicia no ano 2018 foi 32.402, valor moi similar ao rexistrado no ano 2017. Por outra banda, o número de nacementos continúa o descenso iniciado no ano 2009 e sitúase en 2018 en 16.563.

   O saldo vexetativo ou crecemento natural da poboación calcúlase como a diferenza entre o número de nacementos producidos nun ano e o número de defuncións.

   A diminución dos nacementos acompañada dunha cifra similar nas defuncións provoca unha nova diminución do saldo vexetativo en Galicia no último ano, que pasa de 13.517 no ano 2017 a 15.839 en 2018.

OUTROS DATOS

   O número de nacementos sitúase en Galicia no ano 2018 en 16.563, un 10,2% menos que os rexistrados no ano 2017. Os datos dos nacementos segundo a idade da nai constatan o atraso na idade á que as mulleres galegas teñen os seus fillos.

   Os nacementos de nais de 40 e máis anos representan xa o 12,9% do total de nacementos, fronte ao 4,8% do ano 2008.

   No ano 2018, rexistráronse en Galicia 8.400 matrimonios; 139 do mesmo sexo. Por provincias, A Coruña e Pontevedra foron nas que se rexistraron maior número de matrimonios, 3.940 e 2.737 respectivamente, mentres que en Ourense só alcanzáronse os 698 matrimonios no ano 2018.

   Nos matrimonios de diferente sexo pódese comprobar tamén un atraso nas idades ás que os homes e as mulleres casan. Así en Galicia, no ano 2018 o 78,2% das mulleres e o 87,2% dos homes tiñan 30 e máis anos; fai dez anos estas porcentaxes situábanse no 54,2% e no 68,9% respectivamente.