Sanidade busca participación cidadá no deseño da nova Atención Primaria

Sanidade busca participación da sociedade na nova Atención Primaria
EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 4 enero 2019 15:59

Vázquez Almuiña anuncia a ampliación do Centro de Saúde do Porriño, que disporá de fisioterapia

O PORRIÑO (PONTEVEDRA), 4 Ene. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Sanidade avanzou este venres que busca canles de participación para recoller achegas e "ideas de mellora" dos cidadáns no proceso de configuración do "novo modelo de Atención Primaria" en Galicia.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, durante unha visita ao Centro de Saúde do Porriño, na que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Vigo, Félix Rubial.

Cuestionado acerca da situación da Atención Primaria e sobre as protestas de profesionais por falta de recursos, o conselleiro insistiu en que o seu departamento segue "aberto" ás achegas dos traballadores para mellorar o modelo e avanzou que, tendo en conta que o novo modelo de Atención Primaria "debe saír do consenso", o Sergas buscará vías de participación para os cidadáns.

Deste xeito, explicou, "a sociedade en xeral tamén pode achegar ideas de mellora", e trátase dun modo de participación que xa se probou en Montecelo e no CIS de Cangas-Moaña, con "bo resultado".

Por outra banda, lembrou que os grupos profesionais de mellora de Atención Primaria comezarán a traballar a próxima semana --martes e mércores--, e está previsto "sacar conclusións a principios de febreiro". A partir de aí, sinalou, tomaranse medidas, algunhas a curto prazo, como o "novo contrato máis estable" no que "se está traballando".

Vázquez Almuiña fixo un chamamento aos profesionais para que participen no proceso coas súas suxestións e propostas, e mesmo animou a aqueles que o desexen e aínda non o fixeron a sumarse a estes grupos.

AMPLIACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE DO PORRIÑO

Por outra banda, o conselleiro de Sanidade anunciou este venres que o seu departamento contratará "en próximas semanas" o proxecto básico para acometer a ampliación do Centro de Saúde do Porriño, e precisou que as obras poderían comezar en 2020.

O conselleiro explicou que este centro ten "moitísima actividade" e que, como consecuencia da reordenación da área sanitaria, xa fora "reforzado en persoal e con reformas interiores". No entanto, admitiu que é necesario "incrementar o volume do edificio" para dotalo con novos servizos e mellorar a súa funcionalidade.

Segundo avanzou Vázquez Almuíña, o Sergas investirá entre un millón e un millón e medio de euros para ampliar o centro de saúde nuns 700 metros cadrados. A finais de 2019 Sanidade prevé ter listo o proxecto básico, co que "o inicio das obras posiblemente sexa en 2020".

Esta ampliación permitirá aumentar o espazo do PAC --con novas consultas e unha maior área de descanso--, abrir novas consultas de enfermaría e de pediatría, crear unha nova zona de consulta para a matrona e unha área de atención maternal, e dotar ao centro co servizo de ximnasio de fisioterapia, do que agora non dispón.

O conselleiro sinalou que esta ampliación levará "parella" a ampliación de recursos humanos. Así, lembrou que, coa creación do novo servizo de fisioterapia, incorporaranse máis profesionais, e non se descarta a dotación de máis cadro, en función das "necesidades asistenciais e o número de atencións".

Finalmente, Vázquez Almiña tamén precisou que, "en próximos días", enviaráselle ao Concello do Porriño o convenio tipo de colaboración para a ampliación do centro de saúde, aínda que recoñeceu que a parcela sobre a que se vai a actuar xa foi "cedida hai un tempo".