O sector metalúrxico galego pechou 2018 cunha facturación de 13.400 millóns

O sector metalúrxico galego pechou 2018 cunha facturación de 13.400 millóns e un aumento do 3,4 % de emprego
PAULA JUSTO-EUROPA PRESS
Actualizado: miércoles, 17 abril 2019 17:59

Asime advirte de que seguen facendo falta 2.000 novos traballadores nesta industria

VIGO, 17 Abr. (EUROPA PRESS) -

O sector metalúrxico galego pechou o ano 2018 cunha facturación de algo máis de 13.400 millóns de euros, e cun aumento do 3,4 % no emprego, con máis de 66.600 traballadores, segundo os datos do informe anual presentados este mércores pola Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime).

O secretario da asociación, Enrique Mallón, explicou que, ademais do aumento da facturación (nun 3 por cento) e do emprego, tamén se incrementou nun 3 por cento o número de empresas, chegando até as 3.777.

Na mesma liña, a balanza comercial deu resultado positivo, cun incremento do 5,7 % nas exportacións (por valor de 8.435 millóns de euros) e un aumento das importacións do 12,3 %, aínda que con menor valor (8.054 millóns).

Por todo iso, Mallón concluíu que o 2018 foi "un bo ano" para o sector, cuns datos de afianzan esta industria como o número uno en achega ao PIB galego, e prácticamente nas mesmas magnitudes de antes da crise.

FALTA DE PERSOAL

No entanto, advertiu de que estas industrias non están "libres de ameazas", e citou, entre as debilidades que poden afectar o sector, a ameaza do 'brexit', o custo enerxético ou a demanda de máis persoal cualificado.

Con respecto a este último aspecto, Mallón recoñeceu que os plans de formación e o intento das empresas por "atraer" a traballadores non tiveron o éxito esperado e, a día de hoxe, aínda fan falta uns 2.000 operarios neste sector.

CIFRAS POR ACTIVIDADE

O secretario xeral de Asime presentou as cifras das grandes áreas de actividade do sector, entre as que destacan a automoción-metalmecánica-transporte, cunha facturación de 8.572 millóns de euros, e un aumento do 10 por cento no número de empregos.

A construción naval, marítima e enerxías mariñas pecharon 2018 cunha facturación de 1.325 millóns de euros e uns 12.000 traballadores. En calquera caso, aínda que os estaleiros galegos lograron 15 novos contratos e tiñan 27 pedidos en carteira, a industria naval aínda non está ao cento por cento da súa capacidade.

Por outra banda, a construción de estruturas metálicas aumentou un 2% a súa facturación o ano pasado, e alcanzou case o mil millóns de euros, impulsada en gran medida polo notable aumento na licitación de obra pública.

Finalmente, no que respecta á aeronáutica e a industria aeroespacial, o 2018 foi un "ano plano", segundo Enrique Mallón, xa que apenas se produciron cambios: a facturación situouse nuns 130 millóns de euros e o número de traballadores mantívose.