Segue activo o incendio no que morreu un piloto dun hidroavión en Lobios (Ourense) e afecta a 400 hectáreas

Publicado: domingo, 9 agosto 2020 20:24

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Ago. (EUROPA PRESS) -

   O incendio de Lobios (Ourense), no que onte morreu un dos tripulantes dun hidroavión e o outro quedou ferido, segue activo e queimou xa 400 hectáreas, de acordo cos últimos datos da Consellería do Medio Rural.

   Neste lume, que entrou desde Portugal e está a queimar terreos do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés, afecta desde as 8,00 horas do sábado á parroquia de Manín. Na zona traballaron até o momento un técnico, 10 axentes, 27 brigadas, 12 motobombas, dúas pas, nove avións e nove helicópteros, ademais da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

   Segue activo pero estabilizado desde as 00,43 horas do sábado outro lume que afecta a terreos do parque natural: o da parroquia de Requiás, en Muíños, que queimou 50 hectáreas, segundo a estimación provisional. Participaron polo momento seis axentes, 22 brigadas, 14 motobombas, unha pa, nove avións e sete helicópteros.

   Tamén na provincia de Ourense, Medio Rural dá por controlado desde as 19,43 horas deste domingo o lume que arrasou 250 hectáreas en Toén, na parroquia de Moreiras.

   As lapas empezaron o venres pola tarde e, para tratar de apagalas, colaboraron xa tres técnicos, 14 axentes, 37 brigadas, 27 motobombas, tres pas, 12 avións e nove helicópteros, ademais da UME.

   Por último, o incendio que comezou o sábado ás 20,15 horas en Chandrexa de Queixa, tamén en Ourense, está controlado desde as 19,53 horas deste domingo, após queimar unha superficie que se estima en 25 hectáreas.

   Para apagar as lapas, que afectan á parroquia de Requeixo, participaron polo momento catro axentes, 11 brigadas, dúas motobombas, dous avións e tres helicópteros.