Siemens inaugura en Ferrol o Centro de Excelencia do Sector Naval, que terá case medio cento de profesionais

CEO de Siemens en España, Miguel Ángel López (i), e o presidente de Navantia, Ricardo Domínguez (d), conversan durante a celebración do acto inaugural do Centro de Excelencia do Sector Naval (CESENA).
Mero Barral - Europa Press
Publicado: martes, 21 septiembre 2021 17:22

   FERROL, 21 Sep. (EUROPA PRESS) -

   A empresa Siemens inaugurou este martes o Centro de Excelencia do Sector Naval (Cesena) que ten a súa sede nas instalacións do CIS Galicia, na Cabana, en Ferrol, e que busca avanzar na dixitalización no ámbito do sector naval, para dar servizo tanto aos estaleiros públicos de Navantia, de todo o país, como aos privados, unidos a través de Pymar.

   No acto de inauguración destas instalacións déronse cita, entre outros, o presidente de Siemens España, Miguel Ángel López; o presidente de Navantia, Ricardo Domínguez; a conselleira delegada de Pymar, Almudena López; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE); o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

   O presidente destacou que este centro "achegará e converterase en provedor de solucións tecnolóxicas para toda a industria naval de España, sendo o único existente no noso país", ademais de resaltar que se trata de "unha peza estratéxica na dixitalización do sector, xa que sen esta posibilidade o naval entraría en quebra".

   Nesta liña, defendeu que para que os estaleiros sexan competitivos "é necesario poder ofrecer tecnoloxía a todas as armadas do mundo a un prezo máis baixos, tal e como están a facer algúns dos nosos competidores", destacando o investimento da Xunta duns 2,5 millóns de euros para facilitar esta instalación.

CASE MEDIO CENTENAR DE EMPREGOS

   O novo Centro de Excelencia do Sector Naval dará emprego a preto de medio centenar de enxeñeiros de Siemens que achegarán o seu coñecemento e experiencia internacional e unirase á rede de centros de excelencia globais que a compañía ten xa noutras localizacións de referencia na construción naval, como EE.UU., Alemaña ou Reino Unido.

   Pola súa banda, o presidente de Siemens España, Miguel Ángel López, destacou que o obxectivo, segundo o comprometido con Navantia, é "crear unhas instalacións á vangarda, en capacitación técnica e oportunidades de formación para o sector naval" e que lle permitirá ao Cesena "dar cobertura non só a Ferrol, senón que ao resto de Galicia e con ámbito de actuación tamén a nivel nacional con outras rexións de forte carácter naval".

   Almudena López do Pozo, conselleira delegada en Pymar, a sociedade que agrupa ao principais estaleiro privados de España, detallou que "a maneira de afrontar a actual situación, gañando competitividade e manter o liderado internacional, é dar un paso máis e resulta imprescindible apostar pola transformación da cadea do valor do sector naval".

   Ao fío desta afirmación, subliñou que este centro "desempeñará un rol fundamental neste propósito, co obxectivo de impulsar a transformación dixital, desenvolver futuras solucións para o naval, formar aos profesionais en novas competencias e incentivar a colaboración entre os diferentes axentes da industria".

   "Desde o Concello soubemos, após ter coñecemento desta implantación en Galicia, que o único lugar no que podería desenvolver a súa actividade sería nesta cidade, e defendemos con firmeza o que consideramos unha gran oportunidade para a nosa industria naval", resolveu, pola súa banda, o alcalde de Ferrol.