Só sete dos 313 concellos de Galicia presentan un saldo vexetativo positivo en 2018

Publicado: miércoles, 31 julio 2019 14:09

A comunidade perde 15.833 persoas o pasado ano pola diminución de nacementos e un número similar de defuncións

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Jul. (EUROPA PRESS) -

Só sete dos 313 concellos de Galicia presentan en 2018 un saldo vexetativo positivo. Son Ames, Arteixo, Barbadás, Poio, O Porriño e Salceda de Caselas.

No que respecta aos concellos do sete grandes cidades galegas, todos eles presentan un saldo negativo, segundo a información que publica este mércores o Instituto Galego de Estatística (IGE).

O número de defuncións en Galicia no ano 2018 foi 32.394, valor moi similar ao rexistrado no ano 2017. Por outra banda, o número de nacementos continúa o descenso iniciado no ano 2009 e sitúase en 2018 en 16.561.

O saldo vexetativo ou crecemento natural da poboación calcúlase como a diferenza entre o número de nacementos producidos nun ano e o número de defuncións.

A diminución dos nacementos acompañado dunha cifra similar nas defuncións provoca unha nova diminución do saldo vexetativo en Galicia no último ano, que pasa de 13.517 no ano 2017 a 15.833 en 2018. Hai máis de 30 anos que Galicia non presenta un saldo vexetativo positivo.

OUTROS DATOS

O número de nacementos sitúase en Galicia no ano 2018 en 16.561, un 10,2% menos que os rexistrados no ano 2017. O 79,2% dos nacementos do ano 2018 corresponden a nais con residencia nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Os datos dos nacementos segundo a idade da nai constatan o atraso na idade á que as mulleres galegas teñen os seus fillos. Así, no ano 2018, o 78,2% dos nacementos en Galicia foron de nais de 30 ou máis anos de idade; mentres os nacementos nese grupo de idade representaban fai dez anos o 68,2%.

Os nacementos de nais de 40 e máis anos representan xa o 12,9% do total de nacementos, fronte ao 4,9% do ano 2008. No ano 2018, rexistráronse en Galicia 32.394 defuncións. O 50% das defuncións corresponden a persoas de 85 e máis anos.

A análise da distribución das defuncións en cada un dos sexos permite comprobar que nas mulleres as defuncións prodúcense a idades máis avanzadas que no caso dos homes.

No entanto, a maior parte das defuncións prodúcense en idades cada vez máis tardías; o 55,5% dos homes que faleceron tiñan 80 e máis anos e no caso das mulleres a porcentaxe que pertencía a ese grupo de idade era do 77,3%.

MATRIMONIOS

No ano 2018, rexistráronse en Galicia 8.394 matrimonios; 139 do mesmo sexo. Por provincias, A Coruña e Pontevedra foron nas que se rexistraron maior número de matrimonios, 3.939 e 2.734 respectivamente, mentres que en Ourense só alcanzáronse os 697 matrimonios no ano 2018.

Nos matrimonios de diferente sexo pódese comprobar tamén un atraso nas idades ás que os homes e as mulleres casan. Así en Galicia, no ano 2018 o 78,2% das mulleres e o 87,2% dos homes tiñan 30 e máis anos; fai dez anos estas porcentaxes situábanse no 54,2% e no 68,9% respectivamente.