Solla lembra a Villares que "ningunha responsabilidade é inamovible"

Eva Solla
EUROPA PRESS - Archivo
Publicado: miércoles, 16 enero 2019 12:03

   A deputada remarca que "a repartición de responsabilidades depende do grupo", que aínda non se reuniu após o parón do Nadal

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Ene. (EUROPA PRESS) -

   A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, instou ao portavoz de En Marea, Luís Villares, a actuar con "humildade" e lembrou que "ningunha responsabilidade" no Grupo Parlamentario "é inamovible".

   Así se referiu a deputada de En Marea, nunha entrevista na TVG, á posibilidade de que os deputados críticos con Villares --maioría no Pazo do Hórreo-- forcen ao maxistrado lucense a abandonar o seu cargo de portavoz na Cámara.

   "A repartición de responsabilidades depende do grupo", apuntou a tamén vicepresidenta segunda do Parlamento, que incide en que calquera cargo "é revisable" pero que, polo momento, "non hai ningún debate aberto" no seo do grupo sobre a continuidade de Villares á fronte do mesmo.

   No entanto, Solla sinalou que o Grupo Parlamentario aínda non se reuniu após o parón do período de sesións plenarias. Villares goza unicamente do respaldo de tres dos seus compañeiros na Cámara --Davide Rodríguez (Anova), Paula Vázquez Verao (Cerna) e Pancho Casal (ex de Podemos)--; polos 10 deputados que se aliñan co sector crítico, perdedor das primarias en En Marea.

PIDE "HUMILDADE" A VILLARES

   Así, Eva Solla instou a Luís Villares a desempeñar con "humildade" a súa "tarefa", para a que, segundo a de EU, "non basta só con sentirse seguro" logo da súa vitoria nas primarias. "Ten que pór da súa parte", apostilou.

   E é que, o pasado luns, Villares respondía ao líder de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, que un día antes asegurara nunha entrevista na Cadena Ser que, de estar na posición do maxistrado, dimitiría do seu cargo como portavoz no Pazo do Hórreo.

   "Se fose Gómez-Reino, nas entrevistas daría conta das negociacións da axenda galega nos Orzamentos Xerais do Estado", espetou Villares a preguntas dos xornalistas durante unha rolda de prensa celebrada na Cámara.

   "Non empeza ben (Villares) cando se lle dá unha confianza a pesar de todo o que fixo á fronte da dirección de En Marea, e agora traslada ao resto a responsabilidade", resaltou Eva Solla.

FUTURO

   Cuestionada sobre o futuro do espazo político da chamada unidade popular e após remarcar que EU está fóra do funcionamento orgánico de En Marea, Eva Solla indicou que o seu partido "seguirá facendo alianzas con forzas de esquerda".

   Así, cingue ao partido instrumental En Marea o papel de "ferramenta" creada para presentarse ás eleccións autonómicas de 2016, polo que, ao seu xuízo, após o "abandono do diálogo" por parte de Villares e os seus afíns "ábrese unha nova fase" para conformar un novo proxecto da unidade popular na que deben participar "as organizacións de esquerda, as mareas municipais e o tecido asociativo".