Toda a oposición forzará investigar na Cámara os recortes en sanidade despois da morte nunha PAC da Estrada

Hemiciclo galego no arranque da X Lexislatura
EUROPA PRESS - Archivo
Publicado 13/09/2018 20:04:00CET

Os socialistas sumáronse este xoves á petición formulada o mércores por nacionalistas e rupturistas

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Sep. (EUROPA PRESS) -

En Marea, PSdeG e BNG acordaron unir as súas forzas para pór en marcha unha comisión de investigación que analice os efectos que os "recortes do PP" teñen na sanidade pública e na atención aos cidadáns despois de que un home falecese a principios de agosto nun PAC da Estrada sen atención médica.

Tanto nacionalistas como rupturistas xa pediron durante a sesión de control deste mércores que o Parlamento de Galicia investigase o ocorrido para depurar responsabilidades políticas, unha petición á que este xoves se sumou o Partido Socialista como anunciou o seu secretario xeral Gonzalo Caballero.

En concreto, Caballero avanzou que o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, contactaría coas outras forzas da oposición con representación na Cámara para abordar esta cuestión. Despois diso, os portavoces de En Marea, PSdeG e BNG convocaron unha rolda de prensa conxunta para este venres ás 12,00 horas na que, segundo confirmaron fontes dos grupos a Europa Press, abordarase esta cuestión.

E é que, despois da súa última modificación, o regulamento do Parlamento de Galicia incorpora a posibilidade de crear, de forma automática, unha comisión de investigación en cada lexislatura se o solicitan un terzo dos 75 deputados que pertenzan a un mesmo grupo parlamentario, ou ben os dous quintos da Cámara.

Unidos o tres grupos suman 34 deputados e poden pór en marcha este órgano parlamentario que sería a primeira vez que bota a andar sen que o grupo maioritario na Cámara, o popular, o aprobe ou o facilite, como pasou esta mesma semana coa comisión que investigará o accidente do Marisquiño, proposta ante a que o PP se abstivo.

POSTURA DE FEIJÓO

Enfronte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu que analizar o ocorrido na PAC da Estrada (Pontevedra), onde morreu un paciente en agosto, corresponde neste momento a Inspección Médica e apelou a esperar ao seu informe antes de "ver" se a cuestión se aborda nunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia.

Feijóo pronunciouse deste xeito na rolda de prensa posterior ao Consello da Xutna, na que esgrimiu que o mércores, no pleno, trasladou todos os datos dos que dispón a Administración e os motivos polos que ese día de agosto faltaba un segundo médico na Estrada.

"E iso paréceme insuficiente, porque o lóxico é que estivese un segundo médico", admitiu, antes de incidir en que, por iso, se decidiu impulsar unha investigación que "corresponde á Inspección Sanitaria", de forma que o inspector "ten todo o dereito e a capacidade de concluír o que considere oportuno".