O TSXG confirma a condena por asasinato ao home que matou á súa noiva en Lugo en 2016

O procesado polo crime de Tatiana Vázquez en Lugo
EUROPA PRESS - Archivo
Actualizado: jueves, 18 octubre 2018 17:38

Ratifica os 25 anos de cárcere por asasinar a Tatiana Vázquez e tamén outros dous por un delito de violencia habitual no ámbito familiar

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Oct. (EUROPA PRESS) -

A sala do civil e penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación interposto pola defensa do home condenado a 25 anos de cárcere por asasinar á súa noiva en Lugo en abril de 2016.

A Audiencia Provincial de Lugo, no fallo que agora confirma o TSXG, tamén lle impuxo, de acordo co veredicto do tribunal do xurado, outros dous anos de privación de liberdade por cometer un delito de violencia habitual no ámbito familiar.

Este home, de orixe senegalesa, foi acusado o crime da moza Tatiana Vázquez, cuxo corpo apareceu con máis de 50 puñaladas no seu coche no barrio lucense de San Fiz.

O xurado popular considerou probado que o acusado mantivo unha actitude despectiva cara á vítima, que tiña 24 anos, durante a relación, "con insultos, illándoa da súa familia e amigos e facéndolle obxecto de continuos menosprecios".

Segundo os membros do tribunal, asestou até 54 coiteladas á falecida no interior do seu vehículo, "a maior parte delas de escasa entidade, para deste xeito aumentar intencionadamente a dor da vítima".

O TSXG argumenta na sentenza, contra a que cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo, que os "reparos á valoración indiciaria" efectuados no recurso "ou non resisten unha análise lóxica ou tropezan coa valoración xudicial que, ademais de ser lóxica e imparcial, hase de valorar con preferencia á de parte".

"SOBRADAMENTE GARANTISTA"

Sobre a alegación de que o tribunal do xurado puidese ser obediente "cunha valoración policial de conveniencia, auspiciada polo horror que causa un crime sanguento, que conmove, en case todos os sentidos da palabra (bos e malos), aos cidadáns", o alto tribunal galego subliña que "non parece senón unha valoración interesada de contextos obvios que se depuraron nun ámbito sobradamente garantista".

"Á vista está que a investigación policial e a do médico forense foron minuciosas, detalladas e atinentes ao caso, de maneira que a tacha de insuficientes ou guiadas por un prexuízo en contra do reo non se sosteñen como criterio xeral", recalca o TSXG, quen sostén que o condenado tratou "inequivocamente de adoptar a súa versión dos feitos a conveniencia".