Documental 'Frankenstein-04155'
EP/CEDIDA - Archivo
Actualizado: viernes, 25 enero 2019 14:28

Do director Aitor Rei, a cinta relata os condicionantes políticos que marcaron a apertura da liña do accidente, que deixou 80 mortos

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Ene. (EUROPA PRESS) -

O programa 'Sense ficció' de TV3 emitirá o documental 'Frankenstein-04155', sobre o accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) en xullo de 2013, o vindeiro martes 29 en horario de máxima audiencia, ás 21,55 horas.

A cinta, do director ourensán Aitor Rei e da produtora Boneca Lareta, relata os condicionantes políticos que marcaron a apertura da liña de alta velocidade que conecta Ourense coa capital galega, onde o sinistro deixou 80 mortos e 144 feridos na véspera do Día de Galicia, fai agora cinco anos e medio.

O xulgado que investiga o caso acaba de determinar o peche da instrución con dous investigados: o maquinista e o exjefe de seguridade de Adif, aos que atribúe 80 delitos de homicidio por imprudencia profesional grave e 144 de lesións. Esta decisión está recorrida tanto polos acusados como polas vítimas da traxedia, que entenden que hai máis responsables, empezando polo exdirector de seguridade de Renfe.

Após a proxección de 'Frankenstein-04155' no Parlamento Europeo durante unha visita da plataforma de vítimas da man da eurodeputada do BNG Ana Miranda, a comisión de investigación do Congreso sobre esta traxedia decidiu non emitir o documental na Cámara Baixa.

ESTREA EN TV

No seu lugar, optou por enviar unha copia a cada un dos integrantes deste órgano, polo que pasaron diferentes técnicos e responsables políticos involucrados nos feitos. Na recta final das comparecencias, para o día 11 de febreiro están fixadas as dos exministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor.

O director de 'Frankenstein-04155' destaca que este será a estrea do documental en televisión, "despois de que PP e PSOE censurasen a emisión na comisión de investigación". "Verase o que non queren que vexamos", resalta.

Precisamente a Comisión Europea acaba de abrir expediente sancionador a España por incumprimento da normativa en materia de seguridade ferroviaria, no relativo á investigación de accidentes e na supervisión de como se aplican as mencionadas normas.