Veciños de Chapela e Teis volverán manifestarse contra a peaxe de Rande

Representantes das AAVV de Teis e Chapela
PAULA JUSTO SALGADO-EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 1 febrero 2019 13:31

Reiteran que a AP-9 deber ser vía urbana desde Torres de Padín até o centro de Vigo

VIGO, 1 Feb. (EUROPA PRESS) -

As asociacións de veciños de Teis (Vigo) e Chapela (Redondela) convocaron unha nova manifestación o 23 de febreiro, ás 18,00 horas, para esixir a supresión da peaxe da AP-9 en Rande e para que se avance na conversión en viaria urbano do tramo de autoestrada entre Torres de Padín e o centro da cidade olívica.

Así o anunciaron este venres nunha rolda de prensa, na que constataron que pasou máis dun ano desde que o entón ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, prometese a supresión da peaxe en Rande. Desde entón, denunciou o secretario da AA.VV. de Teis, Anxo Iglesias, non houbo "ningún xesto nin ningunha decisión do Goberno central".

"Só hai escusas, de que hai que facer estudos de mobilidade, de tráfico, do impacto económico da medida, pero está claro que non houbo avances", reiterou, e lamentou que "a única medida" que lles queda aos veciños é "saír á rúa".

Ademais da supresión da peaxe, as entidades veciñais reclaman que se converta en vía urbana libre de pago o tramo da AP-9 que vai desde as Torres de Padín (na parroquia de Teis) até o centro da cidade, e que se instalen as pantallas prometidas para paliar a contaminación acústica que sofren os veciños desta zona.

"DOBREMENTE AGRAVIADOS"

Pola súa banda, o presidente da asociación de veciños de Chapela, Marcial Pérez, lembrou que esta parroquia está a ser "dobremente agraviada" porque, ademais de ter que pagar peaxe na súa comunicación por autoestrada, tivo que sufrir as consecuencias da construción e, anos despois, da ampliación da AP-9.

"Levamos anos con estas reivindicacións, e todo o mundo dános a razón, pero ninguén fai nada", subliñou, e fixo un chamamento á "implicación" de todos os veciños da comarca, así como de empresarios, transportistas e outros axentes económicos.

Finalmente, con respecto á pretensión do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de que a conversión da AP-9 en tramo urbano se faga desde a Avenida de Buenos Aires (e non desde as Torres de Padín), as entidades veciñais reiteraron que elas non se opoñen aos accesos nesa avenida.

"Pero facelos só en Buenos Aires sería insuficiente, e provocarían máis colapso. Deben facerse tamén desde Padín e, mesmo, algún acceso máis", sinalou Anxo Iglesias, quen lamentou o "descoñecemento" que Abel Caballero ten da realidade da parroquia.