A Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa no noroeste da provincia da Coruña

Ondada na Coruña
AYUNTAMIENTO DE A CORUÑA - Archivo
Publicado: martes, 28 enero 2020 10:23

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Ene. (EUROPA PRESS) -

   A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou unha alerta laranxa por temporal costeiro no noroeste da provincia da Coruña, mentres que o resto do litoral galego está en alerta amarela.

   Segundo informou Vicepresidencia nun comunicado, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) sinalou que o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa terá lugar este martes no noroeste da Coruña. En concreto, espérase mar combinada do noroeste con ondas de até seis metros.

   No resto do litoral galego haberá nivel amarelo con mar combinada de até cinco metros e ventos do suroeste de forza sete, sinalou a Xunta.

   Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior informou da situación aos concellos das provincias afectadas; deputacións; servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

   Deste xeito, recoméndase adoptar as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e as persoas. Ademais, debido ao temporal costeiro, a Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa e de todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos.

   Tamén se aconsella, indica Vicepresidencia, a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.