A Xunta dará comezo en maio ao plan de limpeza de dársenas en case unha vintena de peiraos autonómicos

Publicado: lunes, 15 abril 2019 18:51

Nas cinco fases anteriores recolléronse un total de 230.000 quilos de lixo dos fondos mariños de toda Galicia

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, levará a cabo no mes de maio unha nova fase do plan de limpeza de dársenas nunha vintena de peiraos autonómicos, executando así por sexto ano consecutivo estas actuacións "coa finalidade de impulsar peiraos sustentables a través da retirada de residuos dos fondos mariños".

"A experiencia acumulada nos anos anteriores indica a necesidade de continuar con esta iniciativa que permite retirar dos fondos mariños residuos materiais que nunca deberon chegar ao mar", asegurou este luns en rolda de prensa o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, segundo recolle a Xunta nun comunicado.

Ante esta "necesidade", o ente público desenvolverá este ano actuacións en 19 portos do tres provincias costeiras.

En concreto, os peiraos que se integrarán nesta fase serán os de Ribadeo, Celeiro (Viveiro) e O Vicedo, todos eles na costa lucense; así como os coruñeses de O Barqueiro, Espasante, Ortigueira, Mugardos, Barallobre, Cabo de Cruz, Portosín, Porto do Son, Sada, Fisterra e Ribeira; e os das localidades pontevedresas de Beluso (Bueu), Canido (Vigo), Baiona, Pedras Negras (O Grove) e Pontecesures.

"Nalgúns destes casos as tarefas de limpeza combinaranse coa revisión de estruturas flotantes con medios submarinos, aproveitado así esta actuación para diversificar traballos", destacou o Executivo galego.

CASE 230.000 QUILOS DE LIXO

Portos de Galicia leva a cabo este tipo de actuacións con carácter regular para mellorar a seguridade nas augas interiores e impulsar a protección da fauna mariña, "que pode ser afectada seriamente pola acumulación de residuos nos fondos mariños".

"Deste xeito, reforzarase a sustentabilidade ambiental dos peiraos de titularidade autonómica, unha das liñas de traballo estratéxicas do ente público. De feito, no cinco fases anteriores recolléronse un total de 230.000 quilos de lixo dos fondos mariños de toda Galicia", explicou a Xunta.

O equipo de traballo que se encargará da limpeza das dársenas estará formado por entre tres e cinco mergulladores e como medios mecánicos contarán cun barco con guindastre. Ademais, os efectivos encargados de realizar os traballos estarán coordinados en terra coa encargada de limpeza de Portos de Galicia.

Entre os residuos que se acumulan nos fondos mariños, atópanse diversos obxectos de medianas e grandes dimensións, como restos de embarcacións, rodas das defensas dos peiraos, cadeas, cabos e até elementos de tipo doméstico.