SANTIAGO DE COMPOSTELA 3 Sep. (EUROPA PRESS) -
A Xunta e o Grupo Tojeiro anunciaron hoxe a súa intención de aliarse para controlar, de forma conxunta, entre o 51% e o 54% das accións de Reganosa, tras comunicar a súa saída Endesa, Caixa Galicia, Caixanova e o Banco Pastor. O obxectivo da operación é "manter a galeguidade" da gaseira, afirmou o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra.
Nunha rolda de prensa o titular de Economía e o conselleiro delegado do Grupo Tojeiro, Roberto Tojeiro, indicaron que exercerán o seu dereito de tenteo --ambos os dous forman parte xa do conxunto de accionistas-- "en conxunto", co fin de que a empresa siga en mans maioritariamente galegas.
Na operación, o Goberno autonómico prevé desembolsar 7 millóns de euros, para elevar a súa participación do 10% ao 17,5%; mentres que o grupo empresarial galego investirá entre 14 e 18 millóns de euros para facerse co 36,5% das accións (agora controla o 18%). En principio, dixo Guerra, prevén "materializar" hoxe mesmo o movemento, para adquirir parte do 21% do que se desprende Endesa e evitar que o compre un grupo de inversión australiano que xa manifestou o seu interese en Reganosa.
(HABERÁ AMPLIACIÓN)