Xunta e Pemex crearán unha comisión para seguir as negociacións cos estaleiros, tras as que se iniciarán as obras

Guerra destaca que co acordo "se abre un potencial infinito" para Galicia se "fai ben o seu traballo"

El Conselleiro De Economía E Industria, Javier Guerra, En Rueda De Prensa
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 25 mayo 2012 17:13

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 May. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, anunciou que a Xunta e a petroleira Pemex crearán unha comisión para "seguir as negociacións" cos estaleiros que, unha vez finalizadas, darán paso á construción de 14 remolcadores e un flotel.

Explicouno o titular de Economía e Industria este venres en declaracións aos medios de comunicación, aos que indicou que este acordo coa empresa mexicana suporá "unha carga moi importante" de traballo, pois "cada remolcador ten un tempo de construción" que oscila entre "os 12 e 15 meses".

Precisamente, segundo detallou, estaleiros galegos "xa traballan nestes momentos" para "presentar propostas a Pemex" e "iniciar unhas negociacións" que, unha vez finalizadas, darán paso á construción "inmediata" dos 15 buques.

Neste sentido, destacou a "importancia" de que "a cuarta empresa petroleira do mundo e primeira de América Latina "confiara" nos estaleiros galegos, pois, ao seu xuízo, ábrese un potencial infinito para Galicia" se "fai ben o seu traballo".

"Os estaleiros galegos xa vendían para Pemex, pero non directamente, senón a través de armadores que traballaban para a petroleira", explicou en conselleiro antes de insistir na importancia "de que o propio director xeral da compañía sexa o que vén a Galicia a contratar".

PORTO EXTERIOR DA CORUÑA

Preguntado sobre a posibilidade de que o grupo empresarial mexicano habilite unha base de operacións no porto exterior de A Coruña, Guerra apuntou que esta foi unha proposta realizada polo Goberno galego.

Así, detallou que o contrato con Pemex inclúe a proposta para "estudar a posibilidade" de que a empresa estableza unha base no dique de Punta Langosteira. Para iso, aínda que a empresa "xa ten un punto en Europa", "hai un interese mutuo".

NAVANTIA

Por outra banda, cuestionado polos xornalistas sobre o futuro de Navantia --estaleiro público que na actualidade solo pode construír buques militares--, o titular de Economía e Industria asegurou que a Xunta seguirá levando a cabo "xestións" para conseguir carga de traballo para a empresa afincada en Ferrol.

Neste sentido, reiterou o "completo compromiso" do Executivo autonómico con Navantia e, ademais, asegurou que, "nunca este problema estivo tan presente na axenda dun presidente do Goberno" como "o está agora".

Deste modo, sinalou que o Goberno "traballa intensamente" e "seguirá traballando" para conseguir ao estaleiro ferrolano "carga de traballo" ou a construción "dun dique flotante", pois "non esquece a importancia que ten Navantia tanto para a bisbarra de Ferrol como para o sector naval galego".

"Tanto é así que invitamos os directivos de Pemex a ver Navantia. Estamos a buscar solucións, como así transmitímoslleso ao presidente da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) --Ramón Aguirre--", puntualizou.

'WIN-WIN'

Por último, cuestionado sobre a posibilidade de que os próximos comicios mexicanos --que terán lugar o día 1 de xullo-- afecten ao contrato con Pemex, Guerra asegurou que "cando as empresas serias fan contratos, fan contratos; non cambian cos gobernos".

"Este xoves estivemos a contratar co director xeral de Pemex, polo tanto, non temos ningunha expectativa de cambio de contrato. Un acordo que está aí e que se seguirá desenvolvendo sen ningún tipo de problema", resolveu.

Por último, considerou que Pemex "ten unha necesidade" e en Galicia hai "un punto de forza e unha gran capacidade". "Eles necesitan do noso sector naval e nós carga de traballo, polo tanto, como dirían os americanos hai un 'win-win', apuntou.

Contenido patrocinado