Yolanda Díaz (En Común) propón como "primeira medida" intervir o prezo da enerxía

28A.- Yolanda Díaz (En Común) Propón Como "Primeira Medida" Intervir O Prezo Da Enerxía
EUROPA PRESS
Publicado: sábado, 20 abril 2019 17:29

   A candidata por Pontevedra de En Común-Unidas Podemos cuestiona o "papel" de Ana Pastor (PP) nas "cloacas"

   PONTEVEDRA, 20 Abr. (EUROPA PRESS) -

   A cabeza de lista de En Común-Unidas Podemos por Pontevedra, Yolanda Díaz, asegurou que se esta formación chega a "conformar goberno" a súa "primeira medida" será intervir as tarifas da enerxía ao establecer un "prezo regulado" e "sacar do mercado as hidroeléctricas e nucleares" para que a enerxía sexa "pública", e impulsar que a modalidade de contratación ordinaria sexa o contrato indefinido que na provincia só representa o 6,5 por cento.

   Nun mitin celebrado na Praza do Teucro, en Pontevedra, e sen facer ningunha mención ao futuro da empresa Ence, Yolanda Díaz tachou de "golfería" e de "corrupción legal" que "non paquen impostos os que están forrados".

   Por iso comprometeuse a que a Igrexa, os fondos de investimento "que especulan coas pensións" e as Sociedades de Investimento de Capital Variable como a que atribuíu ao fundador de Zara, Amancio Ortega, "van tributar".

   Tamén criticou que o PSOE non publique os nomes dos 30.000 "amnistiados polo delito de non pagar a Facenda" e que non se revertan os copagos, os centros concertados e a privatización da sanidade.

   Neste sentido, asegurou que a "reforma fiscal" que propón En Común-Unidas Podemos permitirá que "a xente de abaixo viva con dignidade" e non se produzan casos de "portas xiratorias", pondo ás exministras populares Soraya Sáez de Santamaría e Fátima Báñez como exemplos, pola súa vinculación, respectivamente, co bufete Cuatrecasas e a patronal CEOE.

   Ademais, censurou a "compatibilidade perfecta" entre o portavoz económico de Ciudadanos, Luís Garicano, e a ministra de Economía, Nadia Calviño, porque significa que "a pista de saída está posta para que haxa un goberno do Ibex-35" e que o PSOE "non quere derrogar a reforma laboral".

   En canto ao PP, advertiu á candidata por Pontevedra, Ana Pastor, que "non debería frivolizar coa xente" por afirmar que o seu partido "crea emprego.

   Tamén se dirixiu a Ana Pastor para preguntarlle polo "seu papel, como presidenta do Congreso, nas cloacas e a espionaxe contra Podemos e Pablo Iglesias".

"CLOACAS"

   Precisamente, o deputado de Podemos Alberto Rodríguez asegurou que as cloacas son "para quen non pode comprar aos que non se venden", tras acusar a quen practican a "corrupción" de "tentar comprar" a xuíces, policías, políticos e partidos, xornalistas e medios de comunicación.

   "Vostedes votaron a unha xente que non nos vendemos, cometeriamos erros pero non roubamos nin un euro", asegurou Rodríguez sobre os representantes políticos de Podemos.

   Do balance desta lexislatura, Alberto Rodríguez referiuse a Podemos como "o grupo que máis iniciativas presentou" e "o único grupo que levou por lei que as pensións estivesen ligadas ao IPC".

   Neste sentido, rexeitou, por "covarde", un posible acordo do PSOE e Ciudadanos para formar goberno; fronte a isto, insistiu en que Podemos demostrou "que se poden facer as cousas doutra maneira".

MINISTRA DE TRABALLO

   Entre as demais intervencións, os candidatos de En Común-Unidas Podemos por Pontevedra e A Coruña, Ángela Rodríguez e Antón Gómez-Reino, respectivamente, apostaron por Yolanda Díaz como futura ministra de Traballo.

   Mentres que Gómez-Reino cuestionou as enquisas afirmando que esta formación será "decisiva" nesta "campaña histórica", Ángela Rodríguez acusou ao PSOE e ao PP de ter que "pagar favores". Pola contra, "nós non temos que pagar favores a ninguén porque non estamos no consello de administración de bancos nin construtoras", engadiu.

   Ademais, atacou a Ciudadanos, Vox e especialmente ao PP porque están "dispostos a xogar cos dereitos da xente con tal de recuperar os votos que perderon nos últimos anos coas súas políticas de miseria".

   Rodríguez interpelou directamente á candidata popular por Barcelona, Cayetana Álvarez de Toledo: "Pregúntome por que o PP quere ter conversacións con violadores para decidir as súas políticas no goberno", sinalou, dando como resposta "o machismo".

   Tamén participaron no mitin o deputado por Pontevedra Marcos Cal que, tras aplaudir que se derrotou "o bipartidismo", alertou sobre o risco de "involución" fronte á "España do 15-M e do 8-M" que representa En Común-Unidas Podemos. Así, Eva Solla, afirmou que lle corresponde a esta formación "o verdadeiro voto útil, a esquerda que pode condicionar o goberno".