Educación rexeita ensinar o himno de 0 a 3 anos porque nesta etapa "se prepara os nenos" para aprender"

Actualizado 24/08/2007 22:09:04 CET

Alega que ata os 5 anos non se contacta coa prescritura e prelectura e di que o currículo marca obxectivos, non coñecementos

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación descartou hoxe que aos nenos de 0 a 3 anos matriculados nas galescolas se lles ensine o himno galego e autores concretos porque nesta etapa "se prepara para aprender" e a educación "limítase a transmitir hábitos, pautas de sociabilidade e convivencia pero nunca se imparten coñecementos".

En declaracións a Europa Press, a titular deste departamento, Laura Sánchez Piñón, aclarou que os currículos e contidos educativos os define o seu Gabinete e puntualizou que nestes "non se fixan coñecementos específicos, senón os obxectivos".

Así, descartou que no currículo do primeiro ciclo de educación infantil, en fase de tramitación, se fixe a aprendizaxe da letra e música do himno ou de personaxes destacados da historia de Galicia, tal e como pretende a Vicepresidencia que se faga nas galescolas, impulsadas e xestionadas polo departamento dirixido por Anxo Quintana.

Así mesmo, argumentou que ata os cinco anos os nenos non comezan a entrar en contacto coa prescritura e a prelectura polo que considerou que establecer ese tipo de ensino é "adiantarse" e que antes desa idade "son outros os obxectivos".

COORDINACIÓN CON VICEPRESIDENCIA

Ademais, Sánchez Piñón apuntou que, aínda que é o seu departamento o responsable de fixar os contidos educativos en todas as etapas, no caso de 0 a 3 anos se traballou coordinadamente coa Vicepresidencia sen que en ningún momento "se chegase a ese nivel de detalle". Porén, aclarou que "cada profesor define na aula o que teñen que aprender os alumnos", e subliñou que a Administración educativa "marca os obxectivos".

Tamén rexeitou que nas galescolas se produza un achegamento a novas tecnoloxías, xa que ese paso se dá na seguinte etapa, de 3 a 6 anos, cando se introducen de xeito transversal interrelacionadas coa lectura, a escritura e os xogos.

BORRADOR

Deste modo, explicou que o borrador, preparado pola Consellería de Educación seguindo as pautas establecidas polo ministerio do ramo e recollidas na LOE, está sendo analizado polo Consello Escolar, no que pais, sindicatos e personalidades de prestixio poderán presentar as súas alegacións e suxestións. A final deste ano aprobarase no Consello da Xunta para entrar en vigor no curso 2008-2009.

Ademais, a conselleira de Educación recoñeceu que, durante o día de hoxe, o seu Gabinete non estivo en contacto co da Vicepresidencia para aclarar esta cuestión.