O 77% dos estudantes da USC valoran os servizos TIC que se lles ofrecen, sobre todo os de wifi e SMS

Máis da metade considera "imprescindibles" ou "moi importantes" as TIC para a inserción no mercado laboral galego

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 5 marzo 2009 15:05

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Mar. (EUROPA PRESS) -

O 77% dos estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC) valoran de forma "boa" ou "normal" os servizos de Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) que lles ofrece a institución académica, entre os que destacan os usos da rede wifi e a información de notas vía SMS.

Así o explicitou hoxe o reitor da USC, Senén Barro, quen presentou os datos da quinta enquisa sobre o uso que os universitarios fan das TIC. A partir de 1.712 enquisas feitas a estudantes dos campus de Santiago e de Lugo, a Universidade compostelana corrobora que logra afianzar a súa aposta por estas tecnoloxías e comproba que este colectivo supera á media galega en canto a posesión de portátiles e uso de internet.

Nesta presentación Senén Barro non dubidou en manifestar que a USC é "unha das universidades españolas mellor valoradas" en canto a as TIC, ao tempo que resaltou o liderado en cuestións como a rede wifi ou o servizo de comunicación de notas vía SMS.

Entre os datos expostos hoxe está o feito de que no curso 2008/2009 oito de cada dez alumnos da USC matriculáronse por internet. En relación con este asunto, o reitor avanzou a pretensión de lograr para o próximo curso ou nos seguintes "o cen por cento de matrícula por internet".

A rede wifi da USC é "a primeira de Galicia por número de usuarios" e "unha da primeiras de España", segundo recalcou Senén Barro a partir do dato de crecemento do número de usuarios nos cinco anos de funcionamento e os 6.321 usuarios individuais en 2008. Esta vía de acceso a ao rede rexistra 300 conexións simultáneas de media en todo momento, con picos de 700.

IMPORTANCIA DAS TIC

Aos enquisados --dos que o 70% eran mulleres e o 80% pertencían ao campus de Santiago-- preguntóuselles sobre cuestións como equipamento e conectividade, uso de internet, telefonía móbil, redes e servizos, coñecementos e formación dos alumnos ou sobre a percepción que teñen das TIC, entre outra cuestións.

Entre os datos recollidos están tamén que hai preto de 24.000 subscritos ao servizo de información por SMS, a través do que se universalizou o envío das cualificacións e as datas de revisión de exames.

O 55% dos estudantes da USC consideran "imprescindibles" ou "moi importantes" as TIC para a inserción no mercado laboral galego. A este dato súmase que o 43% dos consultados valoran estas tecnoloxías como criterio para elixir universidade de destino.

Así mesmo, o esforzo e a inversión da USC no ámbito das TIC é tamén recoñecido, segundo explicou o reitor, a través das consideracións positivas e o aumento de uso da web institucional (www.usc.es), que tivo preto de 4,5 millóns de visitantes distintos no último ano; e tamén das iniciativas para facer promoción do software libre ou os avances nos servizos do Campus Virtual.

Aínda que a enquisa supón un recoñecemento ao traballo realizado, a USC entende que os seus universitarios demandan melloras naqueles servizos que obteñen unha valoración "insuficiente" e tamén hai datos que recoñecen unha demanda de máis servizos multimedia e de formación, entre outros.

O acto serviu para que o reitor e responsables da Área de TIC da institución, así como de Vodafone, entregasen os premios sorteados entre os participantes na enquisa, que contou tamén co apoio de Universia e a Fundación Caixa Galicia.

Contenido patrocinado