O 93% das empresas de máis de dez empregados e só o 46% das microempresas galegas teñen Internet

Actualizado: lunes, 17 mayo 2010 21:21

A Xunta reafirma o seu apoio ao "acceso igualitario" a tecnoloxías da información e que Galicia acolla a Axencia de Radiocomunicacións

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 May. (EUROPA PRESS) -

Ademais da diferenza entre o acceso a Internet nas zonas urbanas e nas rurais existe outra brecha dixital que marca a relación coas novas tecnoloxías da información e a comunicación entre as empresas segundo o seu tamaño. Así, o 92,9 por cento das empresas de dez ou máis traballadores dispoñen de conexión á Rede, pero esta redúcese ao 46,7 por cento no caso das microempresas galegas, que supoñen a inmensa maioría en Galicia.

Así, segundo os datos difundidos hoxe pola Xunta con motivo do Día de Internet, en 2009 a práctica totalidade das empresas de dez ou máis asalariados dispoñían de ordenador (97,7%) e un 89,3% tiñan conexión a Internet a través de banda ancha, uns parámetros que se reducen ao 57% das microempresas que teñen ordenador e un 43% das que teñen conexión á Rede e mediante banda ancha.

En xeral, un 42,3% dos fogares galegos teñen contratada a conexión a Internet e un 38,3% téñeno a través de banda ancha. Os temas relacionados coa educación e a saúde encabezan as buscas de información e un terzo de galegos emprega a banca electrónica.

Así mesmo, a Xunta subliña que a poboación galega supera en máis de cinco puntos á media estatal na obtención de información a través das webs institucionais e que Galicia está a adiantar o conxunto do Estado no grupo de idade de 16 a 24 anos en uso de ordenador e Internet e nas compras de novos a través da Rede.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

Na súa declaración institucional con motivo do Día de Internet, a Xunta aposta polo "diálogo e a unión de esforzos" cos sectores implicados no campo das novas tecnoloxías como unhas das "liñas estratéxicas" que marca a súa actuación para asegurar a vertebración dixital do territorio e garantir a interconexión de todos os galegos "vivan onde vivan".

Así, o Goberno galego reafirma o seu apoio ao "acceso igualitario" ás tecnoloxías da información e tamén reitera o seu respaldo a que Galicia acolla a Axencia Estatal de Radiocomunicacións, que estima que reportaría á comunidade galega máis de 200 empregos directos e de calidade, potenciaría o desenvolvemento industrial no sector das telecomunicacións e incrementaría os proxectos internacionais de alto carácter tecnolóxico.