As plataformas tecnolóxicas integradas na Rede Neurona mobilizaron 100 millóns de euros en 2008

Apostan polo hidróxeno como fonte enerxética e a innovación aplicada á reutilización de residuos e tratamento da auga

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 30 marzo 2009 20:10

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Mar. (EUROPA PRESS) -

As plataformas tecnolóxicas integradas na Rede Neurona mobilizaron, cos seus proxectos, 100 millóns de euros durante o ano pasado, segundo asegurou hoxe o director xeral de I+D+i en funcións, Salustiano Mato.

En declaracións aos medios antes de participar na presentación das axendas estratéxicas da Plataforma Tecnolóxica Galega de Medio Ambiente (Envite) e a Plataforma Tecnolóxica de Enerxía (Enerxe), explicou que agora é "o momento de empezar a fabricar proxectos" para estas agrupacións, que se unen, así, á dinámica da Rede Neurona, que xa conta con 17 plataformas.

Mato sinalou que o futuro da Comunidade galega "camiña da man da innovación" e, para iso, a estratexia é a "cooperación" entre as entidades que se dedican á investigación. "De cada euro que o Goberno galego puxo a disposición xa destas plataformas xeráronse 1,6 euros de PIB", asegurou, para constatar que "isto non é algo que vaia a fondo perdido", senón que se trata de "movementos investidores".

O obxectivo, dixo o director xeral de I+D+i, é facer da economía galega "algo que se sosteña a pesar das tormentas financeiras e as crises económicas".

As axendas estratéxicas, listas tras ano e medio de traballo, constitúen un "documento vivo" para as principais empresas do ámbito da enerxía e o medio presentes en Galicia, que definen nelas as súas "apostas para o futuro" e como formulan as súas iniciativas "para facer negocio", agregou Mato.

ENERXÍAS RENOVABLES

Así, indicou que todos os proxectos en ambas as dúas plataformas, que son "transversais" porque as solucións que acheguen serán de aplicación no resto das áreas tecnolóxicas, apuntan "claramente" cara ás enerxías renovables e a eficiencia enerxética, así como cara a "combinar tecnoloxías" para aplicar unha "intelixencia loxística" na produción e distribución de enerxía.

Agora comezará a fase de elaboración de proxectos que buscarán, posteriormente, fontes de financiamento no ámbito internacional. Neste sentido, Mato indicou que durante o ano pasado e nos últimos meses xa foron presentadas propostas "de alto nivel", como a de construción de barcos que "non se moven nin un milímetro" en caso de tempestades. O proxecto, engadiu, aprobarase en breve para ser desenvolvido nos estaleiros galegos e mobilizará 7 millóns de euros.

En canto ás plataformas de enerxía e medio, as propostas que "van estar máis avanzadas" serán as relacionadas co "mundo das augas e a súa depuración" e, en concreto, con sistemas integrais de depuración que impliquen non só limpar de residuos e contaminación a auga, senón facela potable. Ademais, indicou o responsable de I+D+i, haberá proxectos específicos en residuos, sobre todo no campo os industriais e os alimentarios.

Ao fío diso, apostou por elaborar estratexias de aproveitamento das escouras, que "en moitos casos se poden converter en produtos de valor engadido", e por regular o consumo "de xeito intelixente", co obxectivo de conservar o patrimonio natural galego.

ÁREAS PRIORITARIAS

A axenda estratéxica de Enerxe identifica como áreas prioritarias de investigación a enerxía mariña --análise da posibilidade de explotación en Galicia--, a solar, a eólica --posibilidade do desenvolvemento integral de novos materiais de fabricación na comunidade--, os biocombustibles e o aproveitamento do hidróxeno.

En canto a Envite, as apostas centraranse no desenvolvemento de novas tecnoloxías relativas a residuos, auga, aire e chan, que se fundamentarán na necesidade de conter e tratar os contaminantes e reutilizar os residuos. En concreto, este área desenvolverá proxectos vinculados ás emisións de CO2, a presenza de pesticidas e metais pesados nas augas, valorización de residuos e obtención de novos produtos a partir destes.

Contenido patrocinado