Un barco do Servizo de Gardacostas de Galicia é o primeiro en dispoñer dun sistema de salvamento autónomo

Actualizado: miércoles, 18 febrero 2009 19:51

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Pesca acaba de instalar nun dos barcos do Servizo de Gardacostas de Galicia un sistema autónomo de salvamento no mar denominado Kafloat, que mediante un mecanismo de flotadores axuda a evitar ou atrasar o afundimento da embarcación en caso de xiro, escora ou dunha vía de auga.

O buque 'Serra do Caurel' será o primeiro do mundo en contar con este sistema que pretende minimizar o risco de morte no mar. A súa instalación efectuouse no estaleiro Triñanes Domínguez de Boiro, onde se lle efectuaron seis buratos no casco ao barco e se fixaron os módulos de flotación coas súas correspondentes botellas de inflado e sensores que detectarán a entrada de auga.

Na cabina de goberno, o barco disporá, ademais, de interruptores de activación de cada un dos flotadores, así como de alarmas visuais e acústicas que avisan en caso de perigo.

Os técnicos da Administración pesqueira galega constataron que a instalación deste mecanismo se poderá realizar na maioría dos estaleiros galegos co asesoramento dos expertos da empresa Kafloat dun modo sinxelo. Os elementos que integran o sistema ocupan un espazo reducido e non afectan á forma orixinal da embarcación ou á súa velocidade media.

As obras efectuadas foron supervisadas e aprobadas pola Inspección de Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Este proxecto piloto inclúese nas medidas impulsadas polo departamento que dirixe Carmen Gallego para mellorar as condicións de seguridade dos traballadores do mar.

Así mesmo, Pesca impulsa o proxecto de investigación dun dispositivo que permita mellorar a seguridade e localización dos mariñeiros en caso de caída á auga.