A Comisión Europea aconsella "manter" a inversión en I+D e "máis implicación" privada para saír da crise

Detecta unha "mellora" da situación da investigación en Galicia e pon como exemplo do "camiño a seguir" os parques tecnolóxicos

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 10 julio 2009 22:00

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Jul. (EUROPA PRESS) -

O director xeral de I+D da Comisión Europea, Juan Manuel Silva, apuntou hoxe ao "mundo do esforzo e da investigación" como vías "para saír da crise económica", polo que recomendou, "como mínimo, manter" o nivel actual de inversión en políticas de investigación, innovación e desenvolvemento (I+D+i).

Así mesmo, o responsable deste área do órgano executivo da Unión Europea (UE) detectou, en declaracións a Europa Press antes de dar unha conferencia na facultade de Ciencias Económicas de Santiago, "unha mellora en termos absolutos" da situación da investigación en Galicia. Non obstante, indicou que nesta comunidade "queda un grande paso por dar, que é unha maior implicación do sector privado no manexo do coñecemento".

"A universidade ten unha estrutura que funciona, pero os axentes privados necesitan xerar esa dinámica do mundo do coñecemento", engadiu, aínda que identificou experiencias que "van no bo camiño". A este respecto, viu "bos exemplos" nos parques tecnolóxicos, "que empezan a dar os seus froitos". "Estase a mellorar en termos absolutos, pero pódese mellorar moito", incidiu.

Así, malia recoñecer que "hai limitacións presupostarias" e "certa perda de ilusión", Silva mostrouse "optimista" coa evolución de Galicia nesta materia. Por iso, fixo referencia a algúns dos departamentos "estrela" da rexión, zonas "de excelencia" como a farmacoxenética, os traballos relacionados coa pesca, a biotecnoloxía e a sociedade da información.

Segundo resalto, estes sectores funcionan "ben, sobre todo, algúns departamentos de Medicina", onde asegurou que hai "personaxes que merece recoñecer como grandes científicos" no ámbito mundial. "Quizais falte un impulso no mundo da utilización do sector primario: biotecnoloxías ou utilizacións forestais", destacou.

ESTRUTURACIÓN E PRESENZA INTERNACIONAL

Antes de participar nunha charla do curso de postgrao 'Economía e xestión da innovacion' da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Silva valorou a actuación conxunta das institucións europeas e os Executivos central e autonómico, a través dos fondos europeos (Feder) e os Programas Marco.

Uns mediante masas de diñeiro "moi abundantes" e as outras a través de convocatorias "máis competitivas", constitúen as dúas políticas fundamentais da UE no campo da innovación. Nos últimos anos, destacou que as autoridades "optaron por facer un avance na sociedade do coñecemento", algo que "se nota en dous aspectos".

En primeiro lugar, aludiu a "unha serie de iniciativas" que tratan de estruturar a investigación a nivel empresarial e a nivel das universidades, o que ten como consecuencia "conectar os distintos actores", explicou. A continuidade no modelo de desenvolvemento é, ao seu xuízo, un dos elementos "máis importantes".

Unha segunda cuestión é a presenza de Galicia no mundo internacional da investigación, algo que, para Silva, se manifesta a través da súa participación no Programa Marco, que o conecta con outras rexións. "Hai poucos anos era unha zona de Europa que participaba moi pouco e agora está a participar máis", son cifras "máis significativas".

"BO CAMIÑO"

Respecto de os ranking das universidades galegas, "malia o que se di deles", viu positivo que as universidades galegas estean saíndo "moi ben paradas" en índices de investigación, sobre todo a Universidade de Santiago de Compostela (USC). "É unha boa cousa", apostilou.

Comparativamente, por último, o director xeral de investigación asumiu que "queda moito por facer" respecto das rexións punteiras do coñecemento en Inglaterra, Francia ou outros lugares de España. "Comparar sempre é malo, pero Galicia está no bo camiño e moito mellor que outros países con menos desenvolvemento", concluíu.

Contenido patrocinado