Eganet aposta por fortalecer o sector das TIC nun contexto de crise que aínda non os afecta

Actualizado: miércoles, 8 octubre 2008 20:37

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Oct. (EUROPA PRESS) -

A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) defendeu hoxe, en asemblea extraordinaria, a oportunidade de "fortalecer o sector nun contexto de crise económica" que polo momento, aseguran, non afecta ás sinaturas asociadas.

Eganet fixou as liñas de actuación para o futuro, que se centrarán na profesionalización, especialización e formación dos empresarios do sector; na planificación estratéxica no ámbito empresarial e como sector, para o cal se realizará un estudio de mercado e posicionamento das empresas TIC; e na potenciación da comercialización de produtos e servizos.

Aínda que dende o punto de vista da asociación as empresas do sector non se están a ver afectadas pola crise económica, Eganet considera que "é necesario estar preparado e fortalecerse en previsión de futuros problemas".

A xunta directiva visitou a nova sede da asociación, situada en Santiago de Compostela dende finais do mes de xullo e cunha dimensión de 220 metros cadrados, que lle permite a Eganet ofrecer aos seus asociados novos servizos, como o gabinete de tránsito, para aproveitar o tempo entre xestión e xestión.

No local os usuarios dispoñen de acceso a internet por WIFI e poden empregar o equipamento existente, así como a sala de xuntas, a disposición das empresas que non teñen a súa sede na capital de Galicia, ou aínda así, non dispoñen de instalacións céntricas.

Eganet reúne na actualidade 42 empresas que desenvolven contidos por internet e novas tecnoloxías en Galicia e ten como misión a defensa dos intereses do sector para contribuír así ao desenvolvemento e adaptación da cidadanía á sociedade da información.

A facturación das empresas asociadas suma case 17 millóns de euros e o número de empregados directos ascende 456 persoas. A actual directiva de Eganet está liderada por Beatriz Legerén Lago como presidenta.