Enxeñeiros en informática e Innovación fomentan o uso dos certificados dixitais e da sinatura electrónica

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 14 octubre 2008 16:13

SANTIAGO DE COMPOSTELA 14 Oct. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación e Industria e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) porán en marcha unha serie de actuacións para o fomento da Sociedade da Información, entre as que destacan o proxecto piloto do uso e aplicacións dos certificados dixitais e da sinatura electrónica e as Xornadas de Difusión sobre o Impacto das TIC no Exercicio do Periodismo.

Segundo o acordo subscrito recentemente entre o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o conselleiro de Innovación, Fernando Blanco Álvarez, as actuacións previstas terán un respaldo presupostario de 46.700 euros.

O proxecto piloto de uso e aplicacións dos certificados dixitais e da sinatura electrónica pretende impulsar o emprego axeitado destes dous elementos tecnolóxicos por parte dos profesionais da Enxeñaría en Informática.

Estes profesionais entenden que, tanto a certificación dixital como a sinatura electrónica, son instrumentos clave para o desenvolvemento da Administración electrónica e da actividades comerciais e industriais da nova sociedade global na que, segundo destaca o convenio asinado, "cada vez máis, as transaccións de toda índole estarán baseadas en procesos remotos que garantan a identidade, integridade e confidencialidade".

De igual xeito, esta iniciativa desenvolverá módulos de software que permitirán o uso de sistemas de identificación sobre certificados dixitais para a plataforma de software libre de portais Drupal, unha das de maior uso en internet na actualidade.

Por outra banda, o CPEIG organizará proximamente as Xornadas de Difusión sobre o Impacto das TIC no Exercicio do Periodismo, para debater e afondar no impacto que ten hoxe as Tecnoloxías da Información e da Comunicación no labor xornalístico.

O CPEIG, que se constituíu en decembro de 2007, pretende ordenar o exercicio da profesión en todas as súas formas e especialidades, representar en exclusiva esta profesión e defender os intereses profesionais das persoas tituladas.

Contenido patrocinado