A estación de ITV de Sada-Cambre (A Coruña), pioneira en España na implantación da sinatura dixital

O sistema permitirá a emisión de exemplares electrónicos dos informes

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 18 noviembre 2008 17:41

A CORUÑA, 18 Nov. (EUROPA PRESS) -

A estación de ITV do polígono Espíritu Santo, situado nas localidades coruñesas de Cambre e Sada, acolleu hoxe a presentación do novo sistema de sinatura dixital para as inspeccións técnicas de vehículos de xeito pioneiro en España.

A empresa Supervisión e Control, encargada de realizar os procesos de ITV e Galicia, convértese así en pioneira en España na implantación dun sistema que permitirá a emisión de exemplares electrónicos dos informes. Así, Galicia é polo tanto a primeira comunidade en levar a sinatura electrónica aos procesos de inspección, nunha iniciativa que recibiu a inmediata autorización da Xunta e que se desenvolveu coa colaboración da compañía de tecnoloxías da información Altia Consultores.

Ao acto desenvolvido hoxe nos servizos centrais de Supervisión e Control asistiron o presidente do grupo Fomento de Iniciativas, ao que pertence a concesionaria das ITV, Amador de Castro, así como o director xeral de Industria, Anxo Calvo, e o delegado provincial de Industria, Luis Barcia.

Os asistentes puideron comprobar a expedición do informe da ITV mediante o sistema que funcionaba ata o momento, no que se expedían o orixinal e a copia; e a expedición polo novo sistema, que permite un importante aforro de papel, ademais de vantaxes a nivel administrativo e burocrático, pois os orixinais quedan rexistrados en formato electrónico coa mesma validez legal.

Neste sentido, o director xeral de Industria destacou que este sistema non é unha simple innovación técnica, senón que "está detrás unha gran reflexión e proceso xurídico, administrativo e técnico, sobre como pode resolver unha cuestión sen entrar en confrontación coa Lei de Protección de Datos". Sinalou que para a Dirección Xeral de Industria é "moi importante" este novo paso na busca de procesos electrónicos para aumentar a axilidade da administración.

Tamén eloxiou "o importante avance operativo" para o Goberno autonómico, xa que o feito de non necesitar arquivos en papel "simplifica moito o arquivo e custodia de documentos que é un dos grandes males da administración".

AFORRO DE PAPEL

Tras a demostración, o director de sistemas de Fomento de Iniciativas, Perfecto Ascariz, realizou unha exposición sobre o proceso de deseño e posta en marcha do sistema, destacando a súa seguridade e comodidade tanto para o usuario coma para a administración ou as forzas de seguridade.

Os documentos teñen a mesma validez legal que os convencionais, o que supón ademais un importante aforro de papel, xa que as estacións de ITV galegas expiden máis dun millón e medio de informes de inspección ao ano. Malia que inicialmente o usuario recibirá un informe en papel para a súa comodidade, a empresa xa non terá necesidade de arquivar os orixinais, que quedarán rexistrados nunha base de datos en PDF.

Pola súa banda, o presidente do grupo Fomento de Iniciativas, Amador de Castro, felicitou aos responsables da posta en marcha deste novo sistema, e engadiu que forma parte dos procesos innovadores desenvolvidos por unha empresa pioneira en España e Europa.

Destacou que a rede de ITV de Galicia é a que ten máis densidade por quilómetro cadrado, por habitantes e por número de vehículos, malia a dispersión poboacional da comunidade. Engadiu que este é un capítulo máis dun proceso no que, por exemplo, se alcanzou un gran éxito no sistema de cita previa por Internet, e outras innovacións que demostran que "falan dunha calidade no servizo que non ten parangón".

O sistema de información implantado desenvolveuse en tres niveis con diferentes aplicacións. Así, as estacións encárganse de xerar o exemplar electrónico do certificado da ITV no momento da finalización da inspección, así como de habilitar a sinatura dixital dos exemplares electrónicos nas intervencións de inspeccións realizadas por parte do persoal autorizado da Xunta.

Contenido patrocinado