A Estratexia Estatal de Innovación permitirá crear 500.000 empregos de alta e media tecnoloxía

Actualizado: miércoles, 12 mayo 2010 21:35

VIGO, 12 May. (EUROPA PRESS) -

O director xeral de Transferencia de Tecnoloxía e Desenvolvemento Empresarial do Ministerio de Ciencia e Innovación, Arturo Azcorra, expuxo hoxe en Vigo a Estratexia Estatal de Innovación, unha iniciativa que ten como principal obxectivo situar a España no noveno posto en innovación no mundo, en 2015, e que ten entre os seus obxectivos contar "con 500.000 empregos máis" en actividades de media e alta tecnoloxía.

Segundo explicou, en declaracións aos medios previas á presentación celebrada no Círculo de Empresarios de Galicia-Club Financiero Vigo, tamén figura entre os obxectivos desta iniciativa que 40.000 empresas incorporen accións de I+D+i, así como xerar 6.000 millóns de euros máis en investimento privado destinado a actividades de I+D+i.

Azcorra destacou que, das 40.000 novas empresas nas que se prevé incorporar actividade innovadora, a "práctica totalidade" serán pequenas e medianas empresas, posto que nas grandes compañías, "se non no 100 por cento delas, no 99,9 por cento", xa se desenvolve a I+D+i e a internacionalización. Segundo destacou, con esta iniciativa do Goberno preténdese facer "énfase" en apoiar as pemes, ao ter maiores dificultades tanto para incorporarse á Investigación, Desenvolvemento e Innovación, coma para a internacionalización.

O director xeral de Transferencia de Tecnoloxía e Desenvolvemento Empresarial explicou ademais que, dentro da Estratexia Estatal sitúase o Plan Innovación, que ten unha parte de axudas, con 2.600 millóns de euros plurianuais, así como medidas estruturais que "buscan cambiar a regulación para facer que España sexa un lugar máis atractivo e máis doado para realizar innovación".

O plan consta de varias convocatorias, algunhas xa saíron e outras farano proximamente. Entre elas, figura a denominada Inncorpora, para a incorporación de tecnólogos a empresas, e que previsiblemente sairá a semana que vén.