Feuga celebra hoxe un encontro para impulsar a innovación entre 300 empresas de formigón, madeira e cerámica

Actualizado: miércoles, 10 diciembre 2008 8:09

Un total de 150 grupos de investigación participarán nas xornadas

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Dic. (EUROPA PRESS) -

A Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga) celebrará hoxe un encontro sectorial en Santiago para impulsar a innovación ecolóxica entre 300 empresas do formigón, a madeira e a cerámica, no que participarán un total de 150 grupos de investigación.

Nun comunicado, Feuga sinalou que estas xornadas representan "un paso adiante no proxecto de Espazo de Innovación Ambiental" para a consecución dunha mellora neste ámbito de diferentes empresas e, neste caso, dos seus procesos productivos.

Este foro ten o dobre obxectivo de "facilitar o acceso financieiro á investigación" e "mellorar a información do sector en Galicia", ademais de proporcionar unha análise das "oportunidades que ofrece o mercado verde como factor de competitividade".

A organización destas xornadas corre a cargo de Feuga e das distintas asociacións empresariais de referencia nos sectores do formigón, a madeira e a cerámica (Asfhorgal, Anefhop, Clúster de la Madera de Galicia, CIS Madeira e Agafer.

PROGRAMA

As xornadas de 'Espazo de Innovación Ambiental: Ecoinnova, lonxa da Ecoinnovación' inaugurarase ás 9.00 horas cun panel de expertos de representantes do Ministerio de Medio Ambiente, que analizarán as posibilidades da política ecolóxica no contexto de crise.

Ás 9.20 horas intervirá a directora xeral de Servizos do Ministerio de Medio Ambiente, Soledad Sanz, coa presentación do 'Plan de Contratación Pública Verde'; a continuación, ás 10.00 horas, o asesor do Gabinete do Secretario de Estado de Medio Rural, Manuel Menéndez, presentará o 'Plan de Actuación de Tecnoloxías Ambientais da Unión Europea'.

Ao longo do día intervirán representantes da Consellería e do Ministerio de Medio Ambiente; comezarán os encontros directos entre empresas e membros da comunidade científica e, a partir das 11.00 horas, iniciaranse as mesas de traballo do formigón, da madeira e da cerámica.