Fujitsu presenta unha novidosa aplicación de virtualización do posto de traballo no I Foro Galego de 'Cloud'

Actualizado: jueves, 20 mayo 2010 22:22

Esta tecnoloxía busca implementar a seguridade de acceso, controlar as actualizacións e mellorar a dispoñibilidade de datos

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 May. (EUROPA PRESS) -

A empresa Fujitsu presentou hoxe a última novidade en aplicacións de virtualización do posto de traballo, a través do denominado 'Zero Client', no marco do I Foro Galego de 'Cloud'.

Deste xeito, Fujitsu presentou hoxe, dentro do laboratorio co que a compañía contou no foro, este sistema que permite integrar en tan só unha pantalla intelixente todo o servizo dun ordenador.

Esta proposta forma parte do chamado 'Cloud computing', un modelo de computación en nube que permite a xestión de recursos a través de Internet sen a necesidade de hardware, o que se traduce nun aforro de custos en infraestrutura e recursos.

Con esta innovación búscase implementar a seguridade de acceso, a dispoñibilidade dos datos, así como controlar ao máximo as diferentes actualizacións.

Así, esta tecnoloxía baséase no sistema 'plug and play', que permite a un dispositivo informático ser conectado a un ordenador sen ter que configuralo, xa que esta función se realiza automaticamente.

Xunto a Fujitsu, no programa de relatorios do foro 'cloud' participaron tamén outras empresas como Ozonar, Citrix, Microsoft, NetApp, R e VMware.

TECNOLOXÍA MÁIS PRÁCTICA

Pola súa parte, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, destacou hoxe no foro --ao que asistiron máis de 200 profesionais do sector-- que a computación en nube "permitirá" ás organizacións usar os recursos das Tecnoloxías da Información dunha forma "máis práctica, flexible e cómoda".

Así mesmo, Pereira tamén sinalou "a seguridade e interoperabilidade" como un dos retos fundamentais deste novo modelo de computación. Ao que engadiu que, para que teña éxito, é necesario impulsar a "conectividade" e estender a banda ancha.

Neste sentido, a directora xeral de Formación e Colocación, Ana Díaz, valorou positivamente "o punto de encontro" que supuxo este foro e avogou pola "aprendizaxe permanente" como base para que Galicia sexa competitiva.