SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Ene. (EUROPA PRESS) -
A empresa galega Gradiant desenvolve un sistema de recoñecemento facial para aplicar en sistemas de control de acceso recintos onde teñan lugar eventos ou feiras. Este proxecto combina a análise biométrica de rostros co emprego da tecnoloxía de identificación por radiofrecuencia (RFID).
En declaracións a Europa Press, o coordinador do grupo especializado de información multimodal de Gradiant, Daniel González, sinalou que o recoñecemento de caras se empregará para cuestións de seguridade, xa que, grazas ao sistema, se poderá saber, por exemplo, "se o usuario que intenta entrar nun determinado recinto está habilitado para iso".
Gradiant desenvolve, así, unha análise de rostros en secuencias de vídeo, controis de acceso e sistemas de videovigilancia; o cal facilitará o labor dos operarios encargados do control e a xestión dun evento.
Á hora de levar á práctica esta aplicación non é necesario que un operario experto manexe o sistema, xa que se pretende que sexa "suficientemente intelixente" para que o programa poida discernir post si só se dúas persoas son a mesma ou non". Con todo, González matizou que "certo coñecemento é necesario para calibrar diferentes opcións do programa".
Segundo explicou, as empresas coas maiores prestacións neste tipo de sistemas a nivel mundial atópanse "cun 80 por cento de acerto", mentres que o grao de éxito no traballo elaborado por Gradiant se sitúa actualmente "no 74 por cento".
Xunto a isto, o coordinador de xestión de calidade explicou que o recoñecemento de caras "é un mundo que tivo bastante expansión nos últimos dez anos". En concreto, existen múltiples empresas a nivel mundial con algún tipo de produto neste campo, aínda que remarcou que en España tivo pouca presenza en empresas, xa que "sobre todo se desenvolveu en forma de prototipos universitarios".
FUNCIONAMENTO
Segundo subliñou o investigador, "o primeiro paso para recoñecer a cara é detectala", polo que a primeira fase do proxecto consiste en realizar series de adestramento con diversos rostros. O programa "aprende" así a identificar que é unha cara, baseándose nese modelo previo, e vai percorrendo os puntos dunha imaxe para establecer "se hai ou non hai unha cara".
É entón cando o sistema empeza a sacar unha serie de características que, "en certo modo, emula ao modo en que se recoñecen os seres humanos cando se ven", como os ollos ou o nariz, e a partir diso, sácase unha representación facial que axude posteriormente a recoñecela", indicou González.
PROTOTIPO
Este proxecto forma parte da convocatoria 2009 do plan Avanza I+D, aínda que Gradiant leva uns dez anos traballando neste campo como "unha das principais liñas de actuación", resaltou o representate da empresa.
A data de finalización do proxecto aínda non está definida aínda que espera que estea listo aproximadamente dentro de ano e medio. Aínda así --segundo aclarou González-- o primeiro prototipo poderase obter "antes do fin de 2010".
Na actualidade, Gradiant xa conta cun sistema de recoñecemento facial e de pegada dactilar no Centro de Telecomunicacións de Galicia, que foi instalado en outubro de 2008.
CONDICIÓNS REAIS
No campo das novidades, con este proxecto búscase levar o funcionamento destes sistemas "a condicións reais". "Normalmente, os sistemas de recoñecemento biométricos funcionan ben en condicións controladas, o problema é cando as levas fóra do laboratorio e hai que enfrontarse ao mundo real".
Por iso, unha das maiores preocupacións do equipo formado por seis investigadores é "ofrecer garantías" en situacións complexas afastadas de modelos restrinxidos.
PUBLICIDADE
Xunto ao proxecto relacionado coa seguridade, Gradiant desenvolve tamén un sistema de recoñecemento facial para aplicalo á publicidade personalizada. Así, nun escaparate dun centro comercial instálase unha cámara e o programa é capaz de detectar o sexo do cliente, así como o seu rango de idade, polo que é capaz de ofertar baseándose nisto un produto ou outro.
Neste caso, o comerciante pode ofrecer unha información moito máis concreta para o consumidor, o que lle permite medir o impacto dunha determinada campaña publicitaria en termos do tempo de exposición e das persoas ás que afectaron.