O Grupo de Sistemas Intelixentes da USC emprega software libre na creación de dous robots

Actualizado: lunes, 30 julio 2007 20:04

Tratan de aprender os robots a tomar decisións a partir dos datos que toman os sensores que levan incorporados

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Jul. (EUROPA PRESS) -

O equipo de robótica do Grupo de Sistemas Intelixentes do Departamento de Electrónica de Computación da Universidade de Santiago (USC) emprega, como principal novidade este ano, software libre na creación de robots.

Así o destaca o 'VI Informe sobre a situación tecnolóxica do software libre, maio-xullo de 2007' coordinado polo profesor de Electrónica e Computación da USC Tomás Fernández Pena, no que se recolle a posta en marcha dun grande número de novas distribucións GNU/Linux realizadas durante os últimos tres meses.

Segundo salienta o informe, recollido por Europa Press, o equipo de robótica da USC céntrase en aprender os robots a tomar decisións a partir dos datos que toman os sensores que levan incorporados.

Para este traballo o software libre de código aberto é fundamental. Así, os membros do equipo, integrado por Carlos Regueiro; Roberto Iglesias; Miguel Rodríguez; José Luis Correa; Manuel Mucientes; Alberto Bugarín; Cristina Gamallo e José Emilio Domenech, empregan para a súa investigación no campo da robótica dúas robots: un Pioneer 2AT (All Terrain) de MobileRobots e un Nomad 200 de Nomadic Tech. Cada un dispón dun PC que leva instalado GNU/Linux como sistema operativo.

O software que permite a comunicación co hardware, videocámaras, sensores láser e outros que levan incorporados os robots para a toma de datos é unha aplicación libre que se pode descargar dende a páxina web de sourceforge chamada Player/Stage.

Os dous robots forman parte de dous proxectos de investigación con financiamento público, un do Ministerio de Educación denominado 'Migración de comportamento en robótica móbil mediante un robot guía', dirixido por José Luis Correa; e outro da Xunta chamado 'Robot guía para realizar visitas turísticas en museos', dirixido por Alberto Bugarín.

OUTROS AVANCES

A este avance, o citado informe suma outros de nivel mundial como a creación de drivers de software libre para 235 webcams preparados por un programador francés e o ascenso ata o 77% do emprego de GNU/Linux entre os principais supercomputadores.

O informe tamén recolle que se segue desenvolvendo o PHP xunto coa biblioteca multiplataforma Qt, Qtopía e Qt Jambi 4.3, ao que se suma a aparición da ferramenta Intel para o aforro de enerxía, o PowerTop.