Investigadores da Universidade de Vigo deseñan un método para determinar o grao de conservación de pontes

Actualizado: viernes, 30 abril 2010 20:48

As principais causas de deterioración son a invasión de vexetación, as gretas e os desprendementos

VIGO, 30 Abr. (EUROPA PRESS) -

Investigadores da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas da Universidade de Vigo están a punto de finalizar un proxecto destinado a establecer unha metodoloxía de diagnóstico que poida facilitar calquera actuación orientada á conservación e rehabilitación das pontes históricas.

O grupo do Laboratorio de Fotogrametría e Teledetección Próxima de Minas que ultima esta iniciativa está dirixido polo director da escola, Pedro Arias, e o seu traballo servirá de base para o establecemento de catálogos xerais de referencia de pontes históricas singulares, e tamén será a referencia inicial a manexar por parte dos axentes implicados na súa xestión.

A iniciativa lévase a cabo a partir de técnicas xeométricas non destrutivas e de mínimo contacto coa construción, como poden ser as de fotogrametría, láser e radar terrestres, e permite realizar unha caracterización xeométrica e mecánica destas complexas construcións.

A primeira fase de traballo iniciouse en 2007 e supuxo a realización dun inventario a partir dun traballo previo realizado polo profesor da Universidade de A Coruña Manuel Durán. Con esta base, o grupo vigués fixo unha selección das pontes que el xa tiña rexistrados --o elevado número de estruturas, en Galicia chegáronse a contabilizar medio millar de pontes históricas, fai imposible estudalas todas-- e quedou finalmente con 95.

PATOLOXÍAS E FALLOS

Durante esta fase analizáronse diferentes parámetros, tanto de revisión documental e análise de compoñentes --períodos históricos en que foron construídos, intervencións e restauracións-- como de medición xeométrica, análise de patoloxías e fallos estruturais. Así, entre as principais causas de deterioración detectadas figuran a invasión de vexetación como mofos, líquenes ou bacterias --dentro das patologías-- pero tamén gretas e desprendementos de materia --dentro dos fallos de estrutura--.

A información obtida foi introducida nunha base de datos conectada cun sistema de información xeográfica que permita que calquera persoa interesada poida acceder de forma sinxela.

Tras a primeira etapa do proxecto, realizouse unha análise máis profunda e dirixida a estudar en detalle a xeometría de cada un das pontes, para o que se empregaron técnicas fotogramétricas de medición a partir de imaxe, así como as tecnoloxías de láser 3 D máis avanzadas.

Así, toda a documentación xerada foi utilizada, xa na última parte do proxecto, para adaptar os métodos de cálculo tradicional --que parten de modelos ideais e non da xeometría real das pontes-- a estas novas tecnoloxías, que permiten tomar datos precisos das estruturas a analizar.

ESTADOS DE CONSERVACIÓN DIVERSOS

En total, 11 investigadores estiveron inmersos neste proxecto, un traballo conxunto no que os vigueses contaron coa colaboración de tres investigadores da Universidade Politécnica de Barcelona. Ao longo dos tres anos de traballo, puideron constatar que os estados de conservación son moi diversos.

De feito, por norma xeral, cando máis lonxe dos núcleos de poboación están as pontes, peor consérvanse, sobre todo a consecuencia do abandono. En todo caso, os investigadores precisaron que sempre hai excepcións.

Para continuar con este labor, o Goberno central concedeu ao grupo un segundo proxecto, que se prolongará ata 2012, cun presuposto de 80.000 euros e no que colaborarán docentes das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Navarra. Neste caso, o obxectivo será incluír a información xerada en valores que permitan desenvolver un sistema integral de xestión que permita identificar dunha forma rápida cáles son os problemas da ponte, como se debe intervir e cáles son as actuacións máis urxentes.