SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Jun. (EUROPA PRESS) -
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) repartiu hoxe 22.000 euros entre seis proxectos empresariais innovadores, entre os que resultou merecedor do primeiro premio, dotado con 9.000 euros, un laboratorio de análises químicas para o desenvolvemento de servizos que requiran alta tecnoloxía e alto nivel científico. Este proxecto tamén recibiu 24.000 euros de financiamento mediante empréstito participativo.
En canto ao segundo premio, cunha contía de 5.000 euros, recaeu nunha empresa que presta servizos de funcionalización, caracterización e validación de nanopartículas para a súa utilización e aplicación en organismos vivos.
O resto dos galardoados foron un proxecto dedicado á creación e deseño de espazos infantís; unha consultoría enfocada ao sector termal para produción, uso e desenvolvemento de lodos termais; un proxecto de cooperación co terceiro mundo centrado no ámbito das enerxías renovables; e un negocio dedicado ao plan cultural e turístico relacionado co mundo lusófono. Todos eles obtiveron 2.000 euros.
A entrega de premios estivo presidida polo reitor da USC, Senén Barro, a quen acompañaron o vicerrector de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, Xosé Mayán; o director xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, Andrés Hermida; o subdirector xeral de Xestión del Plan Galego de Investigación, Desenrolo e Innovación Tecnolóxica da Consellería de Economía e Industria, Benito Fernández; e o xerente de Uninova, Gustavo Marcos.
Segundo detallou este último, as carreiras máis representadas nesta edición son Administración e Dirección de Empresas e Ciencias Económicas e Empresariais. Por detrás, sitúanse Bioloxía, Filoloxía, Química e Enxeñaría Informática. Ademais, en canto á representación por sexos, o 62 por cento dos que concorreron foron homes, fronte a un 38 por cento de mulleres.
CONCURSO DE PROXECTOS
Os proxectos de base tecnolóxica centraron os dous primeiros premios, mentres que o resto resultaron galardoados nas categorías 'Empresa Xove', 'Muller Emprendedora', 'Proxecto Medioambiental' e 'Proxecto con Sensibilidade Social'; nunha edición na que concorreron máis de 40 proxectos diferentes.
Segundo resaltou Senén Barro, a elección dos proxectos segue un criterio de "responsabilidade", posto que presta especial atención non só á súa viabilidade, grao de innovación e volume de emprego que xera; senón tamén ao carácter multidisciplinario do equipo de promotores, as políticas de igualdade e o respecto ao medio.
"Como corresponde a unha universidade pública e de longa tradición", resaltou o reitor, quen destacou tamén o carácter "pioneiro" da universidade compostelana no ámbito do emprendemento. Así, sinalou que a USC celebra hoxe a novena edición do Concurso de Proxectos Empresariais, mentres "o resto das universidades españolas empezan agora".
Ademais, apuntou que moitos dos proxectos que resultaron premiados neste concurso "xa viron a luz", polo que confiou no "éxito" dos que hoxe foron recoñecidos. "Ogallá estas iniciativas sigan adiante, pero se non van agora, irán a próxima vez", animou, apelando á "capacidade de superación" que define aos emprendedores.
AMSlab
O proxecto vencedor na IX edición do Concurso de Proxectos Empresariais da USC é AMSlab. Trátase, segundo explicou un dos seus promotores, Manuel Lolo, a Europa Press, do primeiro laboratorio privado de Galicia que ofrece os servizos que este oferta.
Céntrase nos ámbitos clínico e farmacéutico para realizar "multitude de análises" co valor engadido da "mellora dos tempos de resposta". "Podemos acurtar moito os tempos de análise", destacou Manuel Lolo, quen precisou que "análises que poden levar 30 minutos ou unha hora", AMSlab os realiza "en cinco ou 10 minutos".
"É moi importante para a industria farmacéutica, para decidir se certos proxectos seguen ou non adiante; e, evidentemente, no ámbito clínico, no que é moi importante o tempo de resposta,", sinalou, ao tempo que engadiu que no ámbito agroalimentario e ambiental, o seu laboratorio "pode detectar cantidades moi pequeñitas de substancias", como "contaminantes a moi baixa concentración".
Este proxecto está situado no viveiro de empresas do Concello de Lugo dende o mes de xullo do ano pasado, cando comezou a súa actividade. "A finais de ano, xa estabamos ao 100 por cento en capacidade de traballo", celebrou Manuel Lolo.
OUTROS PROXECTOS
A Universidade de Vigo acolle o proxecto dos "peloides á carta" para balnearios", tal e como indicou unha dos seus responsables a Europa Press, Carmen Gómez. 'Peloides Termales' elabora lodos termais adaptados ás características específicas en función das súas augas termais e os seus diferentes substratos.
"Cada un ten unha fórmula específica", destacou, e indicou que tamén levan a cabo estudios de eficacia e valoracións clínicas. De feito, avanzou que están a realizar tratamentos para a psoriase no Balneario de A Toja.
Na Coruña sitúase o proxecto de creación de "espazos infantís intelixentes", 'Minichic'. Utiliza, segundo sinalou un dos seus responsables, Óscar Pérez, técnicas de estimulación temperá "cun plus de deseño". "A arquitectura, o espazo, o deseño e a arte son o valor engadido", remarcou.
Pola súa banda, na capital galega sitúanse 'Holística' e 'Enerxía e Cooperación'. O primeiro deles, segundo Antía Cortizas, está destinado ás relacións co mundo lusófono en materia lingüística e cultural. De cara ao Xacobeo 2010, por exemplo, propón "optimizar" o Camiño Portugués e ofrece o xeito de "vendelo" no país veciño, así como o modo de atraer turistas brasileiros. "Optimizamos a actividade das empresas que teñan algunha vinculación co mundo lusófono", detallou unha das súas promotoras.
O segundo pretende levar "o mundo das enerxías renovables" aos proxectos de cooperación, co obxectivo de suplir "carencias enerxéticas". Tamén presta servizo de consultoría e asistencia técnica a distintas entidades que queiran levar a cabo proxectos de cooperación e forma persoal nos países subdesenvolvidos para que estes poidan desenvolver por si mesmos os seus proxectos, segundo indicou Alejandro Mirra a Europa Press.